Baiona conmemora o Día das Bibliotecas co contacontos “Miña Terra Meu Lar”

O vindeiro martes 24 de outubro conmemórase o Día das Bibliotecas e para celebralo a Biblioteca Pública de Baiona acollerá o contacontos “Miña Terra Meu Lar” (contos ambientais). A partir das 18:00 horas un experto en xestión de residuos, un varredor municipal moi especial, explicará o seu traballo. A pesar de que parece un traballo rutineiro e aburrido as beirarrúas están cheas de sorpresas e aventuras. A través das súas experiencias aprenderemos as claves para protexer o noso medio ambiente mentres nos botamos unhas boas risas da man de Caxoto.

Organizado para público a partir de 4 anos, acompañados dunha persoa adulta, terá unha duración de 40 minutos. Para participar é imprescindible a inscrición previa no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona ou no teléfono 986 35 59 43. A Concellería de Cultura, a través do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, está a ofrecer contacontos infantís a través do programa de dinamización da lectura “Ler conta Moito” con motivo da celebración ao longo do mes de outubro do Día da Biblioteca Pública, que se celebra o vindeiro martes.