Aprobadas as candidaturas socialistas para as municipais

A Comisión Executiva Provincial aprobou esta mañá na súa xuntanza en Pontevedra o 100% das candidaturas socialistas para os vindeiros comicios municipais nos concellos de máis de 20 mil habitantes e o 95% naqueles municipios de menos de 20 mil habitantes. Unhas listas que, segundo destacou o secretario xeral provincial, David Regades, “destacan pola importante incorporación de mulleres nos postos de saída e por un alta porcentaxe de renovación nunhas candidaturas paritarias”.

O máximo dirixente provincial sinalou que das candidaturas aprobadas ata o momento, 25 están encabezadas por mulleres, o 44% delas. Se a este dato lle engadimos que a porcentaxe de mulleres é aínda maior, un 63%, nas candidaturas que se presentan a estes comicios por vez primeira, “é evidente que as e os socialistas poñemos en práctica as políticas de paridade nas que cremos”, sinalou Regades, quen destacou a necesidade de que cada vez un maior número de mulleres ocupen postos de responsabilidade, “somos conscientes do papel relevante que están chamadas a asumir as mulleres na sociedade actual”, afirmou.

A Comisión Executiva celebrada esta mañá serviu así para anunciar oficialmente 56 candidaturas en total, a maioría de carácter paritario e moitas delas cremallera. 22 delas están encabezadas por 14 candidatas e 8 candidatos que se presentan por vez primeira a uns comicios electorais, o que supón case un 40% de porcentaxe de renovación nas candidaturas presentadas.

Candidaturas de consenso

Regades valorou positivamente o traballo feito por parte de todas as agrupacións para confeccionar unhas listas fortes e próximas á cidadanía e encomiou o traballo feito polo partido nun proceso “exemplar” no que primaron “o diálogo e o consenso”.