Anuncios
Ticker de novas

A Xunta esixirá o cumprimento do calendario de vacinación para acceder a unha praza pública de escola infantil

O Consello da Xunta deu luz verde ao informe sobre a necesidade de que a partir do vindeiro curso 2019/20 as nenas e os nenos cumpran co calendario de vacinación para accederen a unha praza pública en escola infantil de 0 a 3 anos. O obxectivo é concienciar as nais e os pais sobre a importancia de estar ao día nas vacinas oficiais, que son gratuítas, para protexer a saúde tanto da propia filla ou fillo coma do resto do alumnado da escola.

Este requisito estará xa incluído na resolución de matrícula que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se aplicará tanto nos centros da rede autonómica coma nas prazas públicas en escolas infantís privadas, que se rexen polos prezos marcados pola Xunta de Galicia.

Así pois, as persoas que obteñan unha praza pública disporán de oito días, a partir da publicación da adxudicación no DOG, para presentaren o impreso de matrícula debidamente cuberto e unha copia da cartilla de vacinación da nena ou neno.

Os servizos xurídicos da Xunta emitiron informe positivo sobre esta medida, que avalan varias sentenzas xudiciais, incluíndo dúas dos tribunais superiores de xustiza de Cataluña e A Rioxa. Estas sentenzas recalcan que neste asunto é prioritaria a protección da saúde dos menores, tal e como recoñece o artigo 43 da Constitución española, e que non se conculca de ningún xeito a liberdade ideolóxica, relixiosa ou de culto das familias, protexida polo artigo 16 da nosa Carta Magna.

Ademais, cómpre indicar que o correcto seguimento das vacinas na infancia conta co consenso da práctica totalidade dos profesionais sanitarios, incluída a Organización médica colexial e a Rede galega de investigación pediátrica.

Anuncios
error: Contido protexido