Gondomar celebra este venres o desfile-concurso de comparsas

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Gondomar.

Gondomar celebra este venres 15 de marzo o Desfile-Concurso de Comparsas de Entroido a partir das 20:00 horas. Tras a lectura do pregón, desfilarán fóra de concurso os gañadores do Moto Carnaval e as comparsas “Os 3 soles de Raticulín”, “Cóntame un conto” e “O bosque encantado de Pereiras”, seguidos das 14 agrupacións inscritas participantes no certame, chegadas de Vigo, Nigrán, Tomiño, Gondomar e Baiona. Todas partirán desde a rúa Ameixeira, para logo baixar por Eduardo Iglesias e Avda. Elduayen, ata a rotonda de Don Diego Sarmiento de Acuña.

Así, desfilarán “Hadas y Duendes” de Chegaron os que Faltaban, “Parada Espanta” do Centro Cultural Parada do Miñor, “Musical El Rey León” de Comparsa Loces, “Music Show” da Asociación Revolución Show, “Bulerías” da Asociación de Veciños A Unión de San Pedro da Ramallosa, “Endulzando el Carnaval” da Asociación Os da Casa, “Había una vez…” do Centro Cultural A Merced de Chaín, “El Rey León” da Asociación Paradela, “Recuérdame México” do Centro Cultural de Baíña, “Las cuatro estaciones” da Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá, “LDanzia Paradise” da Asociación LDanzia, “Gnomeo e Julieta” da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios, “Mississippi” de A Tropa do Cruceiro e “Fantasía do Deserto” de Comparsa Furafollas.

Unha vez finalizado o percorrido, o xurado, composto por 7 persoas e presidido polo alcalde, Paco Ferreira, será o encargado de elixir os gañadores, tendo en conta detalles como o vestiario, a maquillaxe, a escenografía, o deseño da carroza e a música, que sexa en directo ou con acompañamento de instrumentos musicais ou rítmicos. A gañadora levará 900 €, a segunda 700 € e a terceira 500 €; ademais entregaranse 6 axudas de 350 € para as seis seguintes clasificadas e 250 € ás restantes.

Unha vez entregados os premios terá lugar a queima de Dona Sardiña e a festa continuará ata a medianoite coa actuación do Trío Azar.

Anuncios