UCN denuncia a paralización do expediente para a cesión do antigo ambulatorio de Panxón

FOTO: UCN // Antigo Centro de Saúde de Panxón.

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia que o goberno local mantén paralizado o expediente administrativo para poder formalizar a cesión ao Concello da parcela e o antigo edificio do ambulatorio de Panxón a levar a cabo por parte da Tesourería da Seguridade Social, e que ao parecer, a cesión estaría pendente de que o Concello realice uns trámites administrativos necesarios para poder resolver definitivamente a cesión do chan e construción a favor do Concello de Nigrán, “pero lamentablemente os trámites están paralizados e pendentes de que o alcalde ordene mediante providencia aos servizos xurídicos a súa inmediata tramitación”.

“Con todo, dá a impresión que ao alcalde Juan González parece non importarlle que o inmoble pase canto antes a formar parte do patrimonio municipal -a pesar que leva case tres anos pechado- e poder destinalo a fins sociais como un Centro de Día, tan necesario non só para os veciños de Panxón, senón tamén para todos os veciños de Nigrán, polo que axudaría a mellorar o seu benestar, polo que se resulta sorprendente que a cesión deste inmoble non conte entre as prioridades do alcalde Juan González”, lamenta Fernández Comesaña.

UCN lembra que precisamente o compromiso de cesión do antigo ambulatorio foi aprobado en sesión plenaria de data 29/10/2008, como consecuencia de que o Concello cedeu unha parcela de 4000 m2 ao SERGAS na urbanización das Dunas de Gaifar, para levar a cabo a construción do novo ambulatorio de Panxón, e que precisamente leva funcionando desde xuño de 2016, “pero con todo, aínda estamos a esperar a poder dispoñer dunha construción e que cada día que pasa sigue deteriorándose sen que ninguén poña remedio”.

“UCN vén interpelando ao alcalde en distintos plenos durante a lexislatura -a última no pasado pleno de febreiro-, pero sen resultado algún, máis que meras escusas, mesmo antes queixándose de que en Madrid gobernaba o PP, pero con todo, nada fixo durante os últimos oito meses de goberno socialista, a pesar de vender á prensa (23/9/18) unha suposta reunión coa Subdelegada do Goberno, Macia Larriba, alardeando de conclusións moi alentadoras, pero a realidade é moi distinta, todo segue igual, e o que é peor, por culpa do propio Concello, ante unha parálise administrativa intolerable e falta de vontade política do alcalde Juan González para resolvelo”, engade o portavoz independente.

Fernández Comesaña, insta o alcalde Juan González que de inmediato ordene aos servizos xurídicos para que de forma urxente resolvan as dificultades administrativas que desgraciadamente aínda afectan o expediente a resolver polo Concello, independentemente de que tamén se fagan as xestións políticas imprescindibles para que pronto sexa unha realidade.

Anuncios