Os veciños da Urbe As Estelas de Nigrán reclaman a instalación de fibra óptica

Os veciños da Urbe As Estelas, en Nigrán, veñen de facer chegar ao alcalde, Juan González, un escrito no que solicitan que se active o despregamento da fibra óptica na zona e infórmeselles do calendario de execución para poder gozar da Internet de alta velocidade nos seus fogares.

No documento lembran que Nigrán é un municipio novo, moderno e dinámico que creceu desde unha visión sostible. “A nosa poboación goza dunha renda per cápita media alta. Ten un alto índice de familias e de profesionais liberais e autónomos que demandan os mellores e máis actuais avances informáticos. Desde esta perspectiva o noso Concello debe apostar por seguir evolucionando e crecendo cos adiantos que nos ofrecen as últimas tecnoloxías, abrindo a todos as novas e infinitas posibilidades que Internet nos ofrece na nosa vida cotiá”.

Aseguran ser conscientes do momento no que vivimos, un momento decisivo para superar con éxito novos retos e satisfacer maiores expectativas. “Queremos seguir avanzando cunha Administración ao servizo de todos os cidadáns, o que nos obriga a darlle traslado destas demandas e necesidades”.

A súa principal demanda é a instalación de fibra óptica na Urbe As Estelas (unha das poucas zonas no Municipio que seguen sen ver concretado este avance) co obxecto de conseguir unha transmisión de datos a alta velocidade, mellor ancho de banda que lles permita maior cantidade de información no mesmo tempo, evitar interferencias propias das redes sen fíos, mellorar a calidade de vídeo e son e, en definitiva, ter máis seguridade de rede.