O baionés Alejandro Castro clasifícase para o certame nacional de tiraxe de cervexa

Este luns celebrouse o Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia na caseta da marca cervexeira no Fórum Gastronómico da Coruña. Un total de 10 aspirantes chegados de diversos puntos da comunidade que se clasificaron previamente nos certames Galicia Norte e Sur enfrontáronse ao longo de diferentes roldas para alzarse co título de mellor tirador de cervexa.

Os participantes tiveron que demostrar a súa destreza tirando cañas, servindo cervexa de botella e respondendo a preguntas de diversa índole sobre o mundo cervexeiro. Alejandro Castro Somoza da Bocatería Manduca de Baiona levouse un dos dous accésits que lle permitirá participar tamén no certame nacional que terá lugar no Salón de Gourmets de Madrid o próximo mes de abril.

O obxectivo do campionato é promover a cultura cervexeira e recoñecer o labor dos hostaleiros como un elo fundamental na cadea de distribución dos produtos de Estrella Galicia. A profesionalidade no servizo dos establecementos hostaleiros é fundamental para ofrecer aos consumidores finais todas as posibilidades que ofrece a cervexa.

O xurado estivo integrado por expertos en tiraxe, hostalería e gastronomía e presidido por Xabier Cubillo, Técnico de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera, que estivo acompañado por Óscar de Toro, vixente Campión Galego, Susana Tena, Mestra cervexeira e Beer Sommelier polo Instituto Doemens e Fernando Iglesias, responsable de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera.

Todos eles tiveron que empregarse a fondo para valorar a calidade, eficacia e rapidez no servizo, así como os coñecementos dos aspirantes ao título sobre as características dos produtos de Estrella Galicia. Óscar de Toro sinalaba a dificultade de valorar o desempeño de todos eles e comentaba que “houbo un nivel moi alto pero en ocasións pesáronlles os nervios”.

Os cinco finalistas recibiron o premio do seu peso en cervexa, e a dotación económica para o campión foi de 300 euros, e para o subcampión de 200 euros. Entregáronse tamén tres accésits de 150 euros. Todos os finalistas recibiron un diploma acreditativo coa súa clasificación, reservándose para os catro mellores a clasificación directa para participar no Campionato Nacional.

Anuncios