Renóvase a construción dos edificios do Peri-4 de Sabarís

Despois de permanecer anos paradas, xa se retomaron as obras dos dous bloques do Peri-4 de Sabarís. A Concellería de Urbanismo do Concello de Baiona contribuíu para que estes dous bloques que albergan 73 vivendas, locais comerciais, garaxes e rochos, ademais de parcelas axardinadas privadas e piscina comunitaria, sexan finalizados tras un longo tempo sen actividade.

As vivendas, que se atopan a escasos metros da praia Ladeira e que foran adquiridas polo Sareb ao entrar a súa construtora en concurso de acredores, daban unha mala imaxe á entrada da vila, polo seu aspecto de abandono total, polo que desde o Concello móstranse moi satisfeitos de que se renoven ditas obras, que conxuntamente co asfaltado da Avda. Urbana de Sabarís, supoñerán unha gran mellora visual da zona.

Tras adxudicar os traballos á empresa Oreco, a previsión é que os mesmos conclúan a finais deste ano. “Isto é sen dúbida un dos tantos indicios de que se volve a activar o sector da construción no municipio”, indican desde o goberno municipal.