O IES Terra de Turonio promove a igualdade entre homes e mulleres

O IES Terra de Turonio desenvolve unha serie de actividades encamiñadas a promover a igualdade entre homes e mulleres ao longo de varias semanas. Os actos comezaron coa instalación o 22 de febreiro da exposición “Cartas de Amor” que promoveu a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a FEGAMP.

“Cartas de Amor” é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con debuxos de artistas como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. Pretende motivar a reflexión sobre o paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, ante o incremento que se está a detectar dos casos de violencia verbal ou física nas relacións de parellas entre adolescentes. A exposición permanecerá no centro até o 13 de marzo.

O día 7 de marzo realizouse un acto de todo o centro onde se proxectou a curtametraxe “Penalty” da realizadora Ana Martínez, da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, da Academia de Televisión e membro da Asociación Española de Cine e Imagen Científicos (ASECIC) e de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y de los Medios Audiovisuales).

A directora enviou unha mensaxe (que foi lida despois do visionado da curta) á comunidade educativa na que destaca o poder do cine como instrumento para conseguir a igualdade mediante a denuncia de situacións inxustas e discriminatorias.
A seguir procedeuse á lectura de textos de escritoras e artistas sobre o problema da igualdade. Belén Senín, Yolanda Castaño, Eilún del Pazo e artista Lupita Hard foron os elixidos para o acto.

Outras actividades

O luns 11 de marzo o alumnado asistirá no Auditorio Lois Tobío á representación da obra teatral “Golpes”, sobre a violencia machista. O mércores 13 realizarase un obradoiro no centro sobre os micromachismos na vida cotiá, unha actividade realizada polo Departamento de Orientación e as Titorías. O xoves 14 impartirase unha charla de Diversidade Afectivo-Sexual co título “Nós mesmas”. O xoves 21 de marzo desenvolverase un obradoiro sobre “Cartas de Amor”.

02-001