Nigrán debaterá a proposta de UCN delegar no ORAL o IAE e a taxa por ocupación de dominio público

O Pleno do Concello de Nigrán debaterá este xoves a proposta formulada polo portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, o convenio para delegar na Deputación Provincial-ORAL, a Inspección da Taxa polo aproveitamento do dominio público local do chan, subsolo e voo, que tributan as compañías eléctricas, telecomunicacións e gas, pola utilización privativa do dominio público, ao obxecto de levar a cabo unha comprobación fiscal para verificar se as compañías que operan no municipio están a tributar adecuadamente, xa que a citada ordenanza fiscal reguladora da taxa fixa un gravame do 1,5%, en función da facturación realizada, así como tamén, a xestión e comprobación sobre o Imposto de actividades económicas (IAE), que afecta a aquelas empresas cuxa facturación supere o millón de euros, e que desde hai anos o Concello non realiza ningún control para determinar o seu correcto cumprimento.

UCN pon de manifesto que segundo se desprende do portal de transparencia do Consello de Contas, as actas de inspección por estes conceptos poden supoñer uns ingresos extras de máis de 250.000€ aproximadamente para as arcas municipais, tomando como referencia Concellos de similares características, “polo que non é de recibo a actitude do Concello de Nigrán permitindo que as grandes compañías campen ás súas anchas e sen control algún, medida que para nada afectará o peto dos veciños, máis ben todo o contrario, por ser de xustiza que todos paguen o que lles corresponde e non cargar toda a presión fiscal sobre os veciños -como está a suceder- e que están a ser sometidos a todo tipo de comprobacións e inspeccións, xa sexan no IBI (contribución), a través da regularización catastral, ou das taxas de lixos e carruaxes, polo que parece existir unha dobre vara de medir que resulta intolerable, e máis se cabe, por parte dun goberno que di ser de esquerdas”.

Fernández Comesaña lembra, que esta delegación de competencias na Deputación como órgano de xestión e colaboración na recadación e inspección dos tributos nos Concellos da Provincia, resulta moi eficaz e é un magnífico servizo que presta aos municipios na xestión recadatoria, delegación que vén sumarse ás xa efectuadas no seu día como son: a recadación en vía voluntaria e executiva de varios impostos e taxas municipais, así como a inspección do Imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO), así como da Taxa por licenzas urbanísticas; “pero o que resulta sorprendente é que teña que ser un grupo da oposición mediante a presentación dunha moción quen poña sobre a mesa esta necesidade, máxime cando o Concello dispón de prazas en propiedade de Intervención e Tesourería, o que demostra unha neglixencia e pasotismo tanto administrativo como político de extrema gravidade, sendo o principal responsable o alcalde Juan González por permitilo, e que ademais, na súa dobre condición de deputado provincial adquire maior relevancia e é a demostración palpable dun goberno esgotado, sen iniciativa nin capacidade de xestión e que só vende fume”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios