Todos os patinadores do CPA Gondomar sóbense ao podio no Trofeo Xunta

O Club de Patinaxe Artística Gondomar organizou este sábado a fase provincial do Trofeo Xunta, programa longo 2019. A competición foi convocada pola Federación Galega de Patinaxe e celebrada no Pavillón de Donas. As patinadoras e patinadores do adestrador David Figueroa que participaron no evento desmarcaron con forza, subindo todos eles ao podio.

Cunha mostra de poderío expuxeron os seus programas ao público miñorano, que puido gozar deste deporte artístico que cada día progresa con máis intensidade. O gran adestramento diario, a constancia e a paixón pola patinaxe son características innatas nestes deportistas que onte demostraron.

Lola Álvarez foi primeira clasificada na categoría alevín feminino. En infantil masculino, Joel Ribeiro destacou coas maiores notas do trofeo, roldando o 8, superando as da totalidade dos participantes. En categoría infantil feminino, o CPA Gondomar copou o podio, con Sara Ferreira no primeiro posto e Noa Álvarez e Ainhoa Vidal no segundo e terceiro respectivamente. No podio máis experimentado, a sénior feminino Andrea López foi segunda clasificada.

A xornada abarcou a maior parte do día, xa que deu comezo ás 10:00 da mañá terminando a media tarde coa entrega dos trofeos para os patinadores do CPA por parte das autoridades do Concello de Gondomar, o Alcalde Paco Ferreira, a concelleira de Deporte e Cultura, Nuria Lameiro, a concelleira de Vías e Obras, Iria Lamas, así como representantes da Xunta, o que supuxo todo un broche de ouro para a xornada de patinaxe.

Anuncios