O Monte Real adapta os seus cursos de vela de verán á nova situación sanitaria tras o COVID-19

O Monte Real Club de Yates reabrirá a súa Escola de Vela este verán adoptando protocolos especiais de hixiene, saúde e seguridade polo COVID-19. Aínda que a vela é un deporte de escaso risco, sen apenas contacto físico e practicado sempre ao aire libre, o club baionés preferiu poñer en marcha medidas específicas co obxectivo de garantir a tranquilidade dos seus usuarios.

A todos os adestradores realizaráselles a proba do COVID-19, e tanto eles como os alumnos deberán pasar un control de temperatura á entrada do club; terán que levar máscara sempre que non estean na auga; despois de cada uso, todas as embarcacións e materiais serán desinfectados; distribuiranse os barcos coa separación esixida; e as actividades teóricas realizaranse no exterior. Tamén está previsto promover medidas de hixiene persoal como o lavado de mans, e se desinfectarán sistematicamente as instalacións do club.

Outra das medidas para aplicar implica unha importante redución no cociente de alumnos por embarcación e curso, polo que as prazas estarán moi limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de matrícula. Aínda que os cursos e actividades non empezarán ata o próximo 29 de xuño, o prazo de inscrición xa está aberto e pódese solicitar praza ou información no club.

A campaña de verán do Monte Real inclúe propostas para que nenos e maiores poidan aprender a navegar a vela e gozar do mar nas Rías Baixas durante os meses de xullo, agosto e setembro. O club baionés ofrece cursos de vela lixeira e de vela cruceiro, cursos para aprender a navegar nun día, e actividades de navegación a vela á tardiña ou ata as Illas Cíes.

Para os máis pequenos da casa, con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, o club baionés organiza Cursos semanais de vela lixeira, en horario de mañá ou de tarde, para que os nenos poidan ter un primeiro contacto coa navegación ou melloren a súa técnica con diferentes tipos de barcos no caso de que xa saiban navegar.

Para os maiores de 16 anos, o Monte Real ofrécelles Cursos semanais de vela cruceiro, tamén con opción a elixir horario de mañá ou de tarde. Acompañados sempre por un adestrador do club, con estes cursos os alumnos aprenden a navegar nas tranquilas augas da baía de Baiona e acaban saíndo a mar aberto para perfeccionar os seus coñecementos a bordo do veleiro.

E para os que queiran aprender a navegar a vela pero non dispoñan dunha semana para asistir ao curso, o Monte Real ofrece tamén Cursos para aprender a navegar nun día. Durante unha xornada, desde a mañá ata a tarde, os participantes poderán aprender as manobras básicas para manexar unha embarcación.

Navegacións a vela ata as Illas Cíes ou durante o atardecer son outras das propostas do Monte Real Club de Yates para este verán, destinadas sobre todo a familias ou grupos de amigos que queiran gozar da navegación á vez que aprenden conceptos de vela.

No caso da Navegación a vela ata as Illas Cíes, trátase dunha actividade dun día, desde as once da mañá ás sete da tarde, que inclúe un percorrido en veleiro ata o arquipélago durante o que se aprende a navegar e o desembarque na illa para comer e realizar unha visita guiada ao parque natural.

Entre xullo e setembro ofrécese tamén a posibilidade de Navegar a vela á tardiña, unha actividade coa que descubrir as claves do manexo dunha embarcación a vela mentres cae o ocaso do día.

Para recibir máis información ou reservar praza en calquera das actividades, pódese chamar por teléfono ao 986 385 000 ou ao 615 999 718; escribir un email a secretaria@mrcyb.com ou consultar a web.

Anuncios