Motos e disfraces para arrancar o Entroido en Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // V Moto Carnaval.

O Moto Club A Cento Cien celebrou este sábado a quinta edición do Moto Carnaval, organizado coa colaboración da Concellería de Cultura Gondomar, dentro das actividades programadas no municipio con motivo do Entroido.

Decenas de moteiros e moteiras cos seus mellores disfraces concentráronse na rúa Eduardo Iglesias para logo facer unha ruta polo Val Miñor. Despois de percorrer as rúas do centro urbano de Gondomar partiron cara a Ramallosa, Nigrán, Panxón e Praia América para logo dirixirse a Baiona e regresar por Sabarís e A Ramallosa de novo, para finalizar no mesmo punto de partida, onde os participantes puideron gozar dunha merenda.

Para pechar a xornada entregáronse os premios aos tres mellores disfraces e ás tres motos máis orixinais. Na primeira categoría os gañadores foron “Steam Punk”, seguidos de “Esqueletos” e “Apicultores e Abellas” en segunda e terceira posición. A moto máis orixinal foi a de “Steam Punk”, seguida de “Mal Vas” e “Pirata”. O gañador protagonizará o cartel do evento do próximo ano.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.