“A señora Bouzós vive á marxe da realidade de Gondomar e vai sempre por detrás dos acontecementos”

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Paco Ferreira no consistorio gondomareño.

A recente reunión de Paula Bouzós co Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, “non ten máis obxectivo que buscar a foto”, asegura Paco Ferreira, xa que nela “non se achegou información nova sobre o noso municipio e simplemente trasladáronse obviedades sobre asuntos que en Gondomar avanzaron grazas á xestión do noso goberno e non á intervención do executivo galego”.

O alcalde debulla as diferentes cuestións expostas no encontro como a posible instalación dun parque eólico no municipio. “Unha guerra aberta co noso concello que sempre tivo a este goberno local, e o seu alcalde, e aos veciños co NON en primeira liña, defendendo o Monte Galiñeiro e o seu futuro”. “Que non se anote agora a Xunta ningún tanto. O goberno de Feijóo viuse obrigado a desistir do proxecto porque os informes técnicos non son favorables, ao que se sumou o desinterese da propia empresa ao non ser rendible o proxecto economicamente”, lembrou Paco Ferreira.

Por iso insiste en que é preciso que a líder do PP “estea máis ao tanto do que ocorre no seu municipio” antes de reunirse co seu “colega” o Conselleiro de Economía e Industria para que lle traslade “obviedades xa resoltas”.

Entre elas a solución aos apagamentos que se rexistraron no municipio e que grazas á mobilización e recollida de firmas da veciñanza e “tras esixir o goberno que dirixo que se dirimisen as responsabilidades ante os órganos competentes, procedeuse ao requirimento á eléctrica Naturgy por parte da Xunta, pero non antes”, puntualiza Ferreira González.

Máis grave parécelle que Paula Bouzós non aproveitase a ocasión para solicitar ao Conselleiro de Economía o apoio económico para o desenvolvemento do polígono da Paxaxe, o máis relevante do sur da provincia de Pontevedra con máis de 4000 postos de traballo, “deixándonos sós na reurbanización, modernización e ampliación da Pasaxe”.

Lamenta Paco Ferreira, por outra banda, a deslealdade institucional demostrada de forma reiterada pola Xunta cara ao seu cargo como representante de máis de 16.000 persoas “ás que represento”. Lembra que se solicitaron en varias ocasións reunións co responsable de Economía e Industria que non foron atendidas. “Tampouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, respondeu á nosa solicitude dun encontro para abordar un asunto vital para a economía de Gondomar e de todo o sur de Galicia”.

Asegura non comprender este comportamento entre representantes públicos nin situacións “tan estrañas como a vivida co Vicepresidente Alfonso Rueda, que só quixo reunirse cos empresarios do Polígono da Pasaxe mantendo á marxe do encontro ao máximo representante do municipio. Sen dúbida unha actuación que deixa entredito a forma de actuar do goberno galego”.

“A señora Bouzós debería aproveitar as viaxes a San Caetano para expoñer necesidades e demandas de Gondomar e non para escoitar obviedades -sinala Paco Ferreira-. Moito máis produtiva sería esa reunión se lle preguntase ao executivo amigo se investirá os 30 millóns de euros que prometeu o señor Feijóo aos empresarios da Pasaxe nas últimas citas electorais, ou se vai destinar algunha partida económica no polígono para aliviar a agonía que moitas das súas empresas están a vivir tras a pandemia, que as situou ao bordo da desaparición ou expoñéndose á súa marcha a Portugal buscando maior apoio institucional”.

Vai máis aló o rexedor e lémbralle á líder da oposición que “non é o momento de fotos partidistas e si de dar a cara por Gondomar, pola súa xente e a súa economía pola que este goberno traballa sen descanso, como proba o feito de sacar adiante (tras anos de duro traballo) un convenio que permitirá a urbanización do Polígono da Pasaxe en dúas fases, a primeira delas grazas ao traballo do goberno local e o esforzo que xunto a empresarios fixemos por aprobar este proxecto” e unha segunda fase “que financiará a Zona Franca”.

“Onde está o apoio económico que tantas veces en campaña prometeu o señor Feijóo para o noso parque empresarial? Por que non llo pregunta a representante do seu partido en Gondomar?”, pregúntase Paco Ferreira, que asegura que como alcalde “seguirei insistindo en ser recibido polo presidente da Xunta e reclamando o apoio económico necesario para os empresarios do noso municipio, verdadeiros xeradores de emprego na nosa comarca”.