Camos planta máis de 400 maceiras e pereiras

Ao redor de 60 persoas de todas as idades participaron este sábado na xeira de plantación de maceiras organizada pola Comunidade de Montes en Man Común de Camos, coa colaboración da asociación Eixotolo e Froitas Vilar.

Ás 16:00 horas partiron desde a Casa da Cultura de Camos para desprazarse ata a zona da Candosa e San Piaio, onde se plantaron un total de 420 árbores, 310 deles maceiras e 110 pereiras.

De regreso no punto de encontro, colocouse un mural que foi doado no seu día desde a Escola de Cerámica de Nigrán, e finalmente, actuou o grupo de pandeiretas “Xareliños”, da asociación Eixotolo. Os participantes puideron degustar ademais de maneira gratuíta un choripán acompañado de viño ou auga.