Preto de 300 escolares de Nigrán celebran o Día de Rosalía cun concerto de Uxía Senlle

Preto de 300 escolares de cinco centros educativos de Nigrán celebraron este luns o Día de Rosalía de Castro, organizado polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón. No acto, ao que asistiu o alcalde e o edil de Deportes, participaron ademais alumnos e alumnas do CEIP Mallón, da escola infantil As Dunas e do colexio A Cruz de Camos.

Cada un dos alumnos do centro anfitrión recitou un verso de Rosalía. Despois, o grupo de teatro escenificou dous versos da poeta, e finalmente, dúas alumnas renderon unha homenaxe a Rosalía e Uxía Senlle, que puxo o broche de ouro cantando os poemas de Rosalía de Castro que recolle no seu libro-disco infantil “Rosalía Pequeniña”.

O libro-disco, de Editorial Galaxia, ten como obxectivo difundir entre os nenos a figura da poeta galega, á que presenta como “pirata”, “insumisa” e “loitadora”. Está ideado como material docente, e nel recóllense 9 poemas de Rosalía de Castro, ademais dunha composición realizada pola propia Uxía, titulada “Rosalía Pequeniña”, e a composición “A Rosalía”, de Manuel Curros Enríquez.

Excepto no caso deste último poema, o resto dos versos foron musicados por Uxía, que deu aos poemas de Rosalía un ton actual. Así, entre as cancións poden escoitarse ritmos clásicos, como a muiñeira, ou máis actuais, como o rock, o blues ou as baladas.