15,6 millóns para garantir a adecuada conservación dos Camiños de Santiago cara ao Xacobeo 21

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Unha parella de peregrinos na Praza de Santa Liberata.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a operación máis ambiciosa de conservación realizada nos últimos anos no Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia. Cun investimento de 15,6 millóns de euros, o Goberno autonómico garantirá o óptimo mantemento da totalidade dos itinerarios oficiais cara ao Xacobeo 21. Para iso, licitará oito contratos de servizo para as diferentes rutas durante os próximos anos, cunha extensión superior aos 1.250 quilómetros en sendas e estradas de 121 concellos situados maioritariamente no eido rural.

Estes contratos, que se porán en marcha este ano, unha vez conclúa o proceso de licitación e sexan adxudicados a diversas empresas, terán vixencia durante dous anos ampliables a tres, anticipándose ao Ano Santo e estendéndose durante a celebración. Con este fin, prevese un investimento de 2,2 millóns en 2019, 5,2 en 2020, 5,2 en 2021 e 3 en 2022.

Este investimento propiciará actuacións de control permanente para detectar as distintas necesidades existentes no Camiño de Santiago. Atenderanse así as posibles incidencias que xurdan, danos ocasionais derivados de factores externos como a climatoloxía, ademáis de atender a súa conservación ordinaria. Abarca, polo tanto, operacións de supervisión, así como correctivas, programadas e ocasionais, seguimento e control, operacións sistemáticas normativas, tarefas preventivas, ou actuacións de limpeza ou sega, entre outras.

Beneficio para todos os treitos

Para iso, os contratos establecen o persoal mínimo co que cada empresa deberá contar, así como a súa experiencia contrastada. Tamén os medios de transporte, ferramentas, materiais, maquinaria e materiais auxiliares que garantan a idoneidade dos traballos.

As actuacións ao longo do trazado delimitado ou sinalizado beneficiarán todos os treitos do Camiño de Santiago e os seus elementos funcionais, preservando en todo o momento os seus valores patrimoniais e a seguridade dos peregrinos en calquera época do ano.

Por lotes, o maior investimento correspóndese co Camiño Francés, o máis transitado, pois é percorrido polo 57 % dos peregrinos, ao que se destinarán 1,72 millóns de euros. É un dos tres itinerarios incluídos na lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco, xunto ao Camiño do Norte e o Primitivo. En concreto, prevense as seguintes contías nos dous primeiros anos:

Captura de pantalla completa 14022019 155325
*O treito final da Vía da Prata inclúese no lote do Camiño de Inverno

Con esta operación de mantemento, a Consellería de Cultura e Turismo dá continuidade aos importantes investimentos realizados desde 2015, no marco do Plan director do Camiño de Santiago, que está a permitir a mellora, rehabilitación e sinalización de cada unha das rutas, seguindo o calendario deseñado. En total, supéranse os 10 millóns de euros, ao cal deberán sumarse os traballos que se realizarán en 2020, completando as previsións establecidas.

Cumprindo o Plan director

Unha vez executados ditos traballos, os novos contratos de mantemento consolidarán o levado a cabo neste tempo, dando cumprimento ao previsto no Plan director do Camiño de Santiago, que recolle, entre as súas liñas estratéxicas, a preservación e potenciación dos valores da Ruta Xacobea, o seu mantemento, conservación e a dinamización de todos os itinerarios, favorecendo a diversificación de fluxos e o desenvolvemento económico, social e cultural de diversas comarcas das catro provincias pola que discorren os ditos itinerarios.

Para proceder á súa adxudicación, entre os criterios de valoración incluiranse a memoria, organización dos traballos e medios á disposición, coa metodoloxía a seguir, planificación anual ou prazos estimados, entre outros. Terase en conta, igualmente, a diagnose efectuada da rede, coas posibles solucións ás deficiencias puntuais e específicas atopadas.

Co obxectivo de seguir facendo do Camiño un exemplo de sustentabilidade e respecto ao medio, tamén se valorará positivamente minimizar o emprego de auga ou a reutilización de augas depuradas, maquinaria e ferramentas menos contaminantes, métodos de traballo con menor emisión de ruídos ou medidas de redución de consumo de enerxía e combustible.

Estes contratos de mantemento forman parte da folla de ruta que o Goberno galego está a impulsar na preparación do Xacobeo 21, ao redor da que está a construír unha arquitectura participativa a todos os niveis. Xa están en marcha distintas iniciativas como O teu Xacobeo, a convocatoria aberta de proxectos dotada con 2 millóns de euros que permitirá incorporar e cofinanciar propostas de toda a cidadanía e entidades que estean aliñadas cos obxectivos do Ano Santo. Tamén a recente sinatura dun convenio de colaboración por parte do presidente da Xunta co Institute of Fine Arts (IFA) para a organización, no ano 2020, dun simposio internacional sobre o Camiño de Santiago que terá lugar na cidade de Nova York.

O Xacobeo 21 é un dos acontecementos máis relevantes desde o punto de vista cultural e turístico que terán lugar en España nos próximos anos e supón unha oportunidade para o conxunto da sociedade galega pola proxección internacional que terá a nosa Comunidade.

Anuncios