O gondomareño Brais Misa, segundo no Dúatlon Cidade de Lugo

FOTO: FEGATRI // Podio masculino no Dúatlon Cidade de Lugo.

Gustavo Rodríguez e Joselyn Brea (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe gañadores do XXIX Dúatlon Cidade de Lugo, segunda proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2019.

Na proba masculina, dominio de un dos favoritos. Gustavo Rodríguez decidiu a proba no segmento de bicicleta o que lle permitiu chegar á segunda transición cunha ampla vantaxe e correr o último segmento con tranquilidade e economizando forzas. Por detrás, había bastante igualdade, aínda que á T2 chegou un grupo de cinco duatletas con Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago), entre eles, que foi o que atacou xa na primeira volta do terceiro e definitivo segmento. Este ataque foi decisivo porque lle levou á segunda posición, mentres que terceiro foi Iván Puentes (Tríatlon Ferrol), que veu remontando dende atrás.

Así o podio estaba formado polo tudense Gustavo Rodríguez no máis alto, cun tempo de 1:00:00, Brais Misa na segunda posición (1:00:19) e Iván Puentes, terceiro (1:00:22).

Na categoría feminina, as irmás Brea foron moi superiores. Xa lograron romper a proba no primeiro segmento, no que abriron unha distancia que xa foi insuperable para o resto. Así, Joselyn e Edymar foron xuntas durante os tres segmentos e o triunfo decidiuse ao final a favor da maior das Brea. Mentres por detrás había que decidir o terceiro posto do podio. Á segunda transición chegaron xuntas María José Coya (Cidade de Lugo) e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), pero na primeira volta da carreira a pé, Coya logrou escaparse para garantir o terceiro posto na proba.

Desta forma, o triunfo foi para Joselyn Brea (1:07:01), mentres que Edymar Brea ocupou a segunda posición (1:07:02) e María José Coya, terceira (1:12:39).

A proba, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pé, 21 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pé), tivo como punto de saída, transición e chegada o Pazo de Congresos. En total participaron case 200 deportistas. O Dúatlon Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon.

O Circuíto Galego de Dúatlon 2019 está formado por 4 probas (Concello de Poio, Cidade de Lugo, Cidade de Vigo e Cidade de Santiago), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Riveira o día 7 de abril. En cada unha das probas clasifícanse 22 deportistas para o Galego. Na primeira proba da tempada, o Dúatlon Concello de Poio, Aída García (Club Ciclismo Tríatlon Poio) e Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago) lograron a vitoria.

Anuncios