Baiona inclúe no Plan Concellos 2019 un novo parque para Sabarís

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, no seu compromiso coas parroquias, anunciou que no Plan Concellos do ano 2019 incluíuse a construción dun novo parque infantil en Sabarís que logrará reforzar a oferta lúdica e de esparexemento para os nenos e nenas, e que contará cun investimento total de 48.100 euros.

Este parque instalarase nun enclave único, como é a entrada de Baiona pola Ponte da Ramallosa, situado no terreo lindeiro á “Casa Rosa”, un parque que fará as delicias dos máis novos ao contar con novos xogos, como tirolesa, randeeiras, tobogáns, mimetizados na marabillosa contorna da marisma.

As obras comezarán coa retirada do valo publicitario existente, para poder continuar cos movementos de terra necesarios para alcanzar as cotas desexadas para os xogos, instalando unha drenaxe adecuada, colocando máis tarde unha base amortiguadora e drenante, onde se instalarán os xogos, e para finalizar cun valado perimetral separador.

Ángel Rodal comenta que “con esta obra non soamente aproveitamos un espazo de terreo que nestes momentos estaba en desuso, senón que potenciamos esta zona na cal estamos a investir para goce dos veciños e veciñas, que contarán con novas instalacións infantís á beira da “Casa Rosa”, que sufriu unha gran transformación nestes últimos meses coa súa reforma, que necesitou que nestes momentos esteamos a instalarlle un novo ascensor para a súa próxima reapertura”.

“Este parque complementará nesta parroquia ao que hai uns meses tivémoslle que facer certas reparacións por mor dos actos vandálicos sufridos, incrementado as posibilidades de uso con novos xogos e dándolle unha nova imaxe”, conclúe o alcalde.

Anuncios