O Trofeo Príncipe de Asturias coroa aos vencedores da súa 34ª edición

Finaliza en Baiona un histórico Trofeo Príncipe de Asturias. A cita, que organiza o Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA, completou hoxe a terceira e última xornada da súa trixésimo cuarta edición. Unha edición de récord que logrou reunir na baía a máis de 80 barcos e preto de 500 regatistas. Os gañadores das once categorías en liza foron galardoados na entrega de trofeos que puxo o punto e final á disputa das últimas probas na auga.

Yess Too remonta e leva a vitoria en Martin Miller ORC 0-1

Emocionante final do Trofeo Príncipe de Asturias para a frota de Martin Miller ORC 0-1. Cuns seis nós de vento de compoñente noroeste, o Comité puido completar unha última proba de formato barlovento-sotavento que resultou ser definitiva. O Yess Too de Rui Ramada, que onte era quinto na xeral, gañou a proba de hoxe con total autoridade, o que permitiu ao equipo local sumar unha nova vitoria esta tempada tras o triunfo obtido no Conde de Gondomar.

Por detrás, e empatado a puntos cos de Ramada, o segundo posto foi para o Marias-Casas do Telhado de Manuel María Cunha, que navega tamén baixo a grímpola do MRCYB, mentres que o podio nesta ocasión pechouno o Pairo 8 do Real Club Náutico de Vigo, armado por José Luis Freire e con Alberto Basadre á cana nesta última xornada.

Novo triunfo e vitoria final para o Bosch Service Solutions en Aceites Abril ORC 2

Non houbo cambios na xeral de Aceites Abril ORC 2. Hoxe domingo, a frota completou tamén unha última manga na que o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea volveu ser o mellor, adxudicándose a súa quinta vitoria parcial nas cinco probas disputadas. Con estes resultados, e asinando unha fin de semana perfecta, o equipo do Club Marítimo de Canido sentenciaba hoxe en triunfo final con seis puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o asturiano Antílope-Lener de José Luis Alcuso. A terceira posición ocupouna neste caso o Cachete de Francisco Edreira, do Club Marítimo A Penela.

Triunfo en Gadis ORC 3 para o Raygrass III

Outra das categorías que puido navegar hoxe foi a Gadis ORC 3. O Raygrass III de Jaime Núñez, que navega polo Club Marítimo Carrumeiro, finalizaba cuarto nesta última manga disputada, pero lograba asegurarse a vitoria do 34º Trofeo Príncipe de Asturias cunha vantaxe de tres puntos sobre o vigués Maracana I de Luis Suárez, que foi segundo. Por detrás, o terceiro posto foi finalmente para o local Fend-La-Bise de Jean Claude Serrade. A última vitoria posta en xogo adxudicoulla nesta clase o Bunda de Jacobo Solorzano, quinto na xeral.

Albarellos, Bombastic e Salseiro, gañadores en Volvo Autesa ORC 4-5, Engel & Völkers ORC Open e SH Robotic ORC Open Extra

Mentres tanto, no campo de regatas dos ORC 4-5 e Open, o Comité de Regatas deu a saída para unha nova regata costeira, pero o vento non soprou con suficiente forza e só a división Open Extra conseguiu finalizar o percorrido.

Así, o vencedor na categoría Volvo Autesa ORC 4-5 é o local Albarellos de Fernando Rey, por diante dos dous representantes do Club Náutico Beluso: o Santiago Roma Rías Baixas e o Chispa Nejra de José Rey, segundo e terceiro respectivamente.

En Engel & Völkers ORC Open, categoría na que participou o barco inclusivo Axa Seguros da Escola de Vela Adaptada do Monte Real, co apoio da aseguradora e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a vitoria levoulla este ano o Bombastic do MRCYB de César Casqueiro por diante do representante do RCNV patroneado por Antonio Gaona, o Piccola, e do Lacazán de Mariano Benavente, que navega tamén baixo a grímpola do club baionés.

En SH Robotic ORC Open Extra, o vencedor do Trofeo Príncipe de Asturias é o Salseiro de Manuel Blanco, do Real Club Náutico da Coruña. Por detrás, o Jandrocho Team do Club Náutico San Adrián con Roberto Reboredo á fronte finaliza segundo mentres que o Fresgarrido de Ernesto Pérez, que logrou a vitoria parcial do día, foi terceiro na xeral.

En Storax Clásicos, vitoria para o Miña Miniña

Tan só o Miña Miniña puido completar hoxe o percorrido costeiro de cinco millas na clase Storax Clásicos. O barco da AGABACE que patronea Fabián Garrido sentencia así a xeral e proclámase vencedor da cita que organizan conxuntamente o Monte Real e a Escola Naval Militar. O Sara O de Xosé Avelino Ochoa foi finalmente segundo na xeral e o Papaleisso de Javier Alonso completa o podio na terceira posición.

Bribon 500 Movistar e Stella, vencedores en Infinitus Rent 6m Clásicos e 6m Open

Xornada difícil no campo de regatas da frota de Infinitus Rent 6m. O vento non acudiu hoxe á súa cita na baía e o Comité de Regatas non puido dar o sinal de Atención para ningunha das dúas probas programadas, polo que os resultados de onte convertíanse en definitivos.

Na división de Clásicos a vitoria foi por tanto para o Bribon 500 Movistar do Real Club Náutico de Sanxenxo, patroneado nesta ocasión por Pedro Campos ante a ausencia do Rei Don Juan Carlos. A tripulación de Campos non deu opción aos seus rivais anotándose as dúas vitorias postas en xogo onte, polo que o actual campión do mundo e de Europa da clase proclamouse vencedor do Príncipe de Asturias por diante do Titia de Mauricio Sánchez Bela e do Aida de Francisco Botas, segundo e terceiro respectivamente.

Pola súa banda, o triunfo na división Open foi para o Stella de Violeta Álvarez, tamén do RCNS, cun primeiro e un segundo posto na súa marcadora. Por detrás, a só un punto do equipo de Álvarez, o Seljm de Patrik Monteiro sentencia o campionato na segunda posición e o Maybe XIV de Eugenio Galdón pecha o podio definitivo no terceiro posto.

Javier de la Gándara vence en Solventis J80 co Okofen

Nova vitoria para Javier de la Gándara en augas de Baiona. O Okofen, que arrancou a competición na terceira posición da xeral, levantábase onte ao máis alto do podio ao selar unha segunda xornada perfecta con tres vitorias parciais. Hoxe domingo, a escaseza de vento impediu que se disputasen as probas programadas, polo que o equipo liderado por de la Gándara, proclamábase vencedor da trixésimo cuarta edición do Trofeo Príncipe de Asturias. Por detrás, o segundo posto ocupouno definitivamente o Miudo de Diogo Costa e terceiro finaliza o Pazo de Cea de Cristina González Cominges. Os tres equipos en representación do MRCYB.

Vitoria para o ¡HOLA! Fashion na prestixiosa ¡HOLA! Ladies Cup

Tampouco houbo probas hoxe para a frota da ¡HOLA! Ladies Cup, resultando como gañador o ¡HOLA! Fashion de Pilar Casares tras liderar a xeral desde a primeira xornada de regata. Por detrás, o podio da prestixiosa competición feminina completárono o ¡HOLA! Serralleiras da tripulación portuguesa encabezada por Marta Ramada no segundo posto -que defendía o triunfo das dúas anteriores edicións- e o ¡HOLA! Silleiro de Anna Sole Dolcet no terceiro caixón.

Con esta, son xa 23 edicións nas que o Monte Real Club de Yates e ¡HOLA! reafirman a súa aposta por dar visibilidade á muller nun deporte que, a día de hoxe, continúa sendo maioritariamente masculino.

A entrega de premios, broche final para o 34º Trofeo Príncipe de Asturias

Ás 18:00 horas celebrouse no village do Monte Real a entrega de premios do 34º Trofeo Príncipe de Asturias, poñendo punto e final a unha nova edición dunha das citas máis importantes da vela cruceiro a nivel nacional.

Ademais de premiar aos gañadores das respectivas categorías, durante a celebración da entrega de trofeos o club entregou tamén o premio especial Mary Woodward ao mellor J80 da tempada, que foi para o Okofen de Javier de la Gándara; o premio Conde de Barcelona Juan de Borbón ao mellor barco con tripulación portuguesa, que recaeu no Yess Too do luso Rui Ramada; e o trofeo espacial Juan Sebastián Elcano ás gañadoras da ¡HOLA! Ladies Cup, o ¡HOLA! Fashion de Pilar Casares. Pola súa banda, o barco inclusivo AXA Seguros, no que navegan os alumnos do Centro Juan María de Nigrán, recibiu tamén unha mención especial no acto de clausura.

 

Anuncios