O PP denuncia que a falta de control nas obras dun camiño fai que se inunde unha casa en Vincios

O Partido Popular de Gondomar denuncia que o pasado xoves unha vivenda do barrio de Rocha en Vincios viuse asolagada coa auga procedente do saneamento ao atascarse o tubo coas pedras que quedaron dentro do mesmo durante a realización dunhas obras no camiño, adxudicadas polo Concello. Ademais, non sabían onde estaban as arquetas ao estar estas tapadas polo asfalto do camiño, o que dificultou os traballos para atopar a zona onde estaba o tapón. Non entenden que cando se asfalte un camiño non deixen as arquetas á vista, pensando sobre todo nuns casos de urxencia como este.

“A veciña que miraba como polas tubaxes de desaugue do baño lle saía a auga procedente do saneamento, chamou ao concelleiro responsable de obras, contestándolle o mesmo que non podía achegarse nese intre e que se arranxara como puidera”, nos explica Paula Bouzós, que se achegou ata o lugar en canto tivo coñecemento do problema, acompañada doutros membros do partido para interesarse pola veciña e poder axudala no que precisase.

O concelleiro de obras foi ata o lugar ao día seguinte con persoal da brigada de obras pero insistía en que a inundación non era culpa do saneamento e que as obras se executaran ben, ata que chegou unha empresa, se puxo a picar e atopou o problema, que non era outro máis que o atranco da tubaxe con dúas grandes pedras procedentes das obras alí executadas.

A veciña puxo en coñecemento das autoridades os defectos ocasionados na súa casa, co fin de que, unha vez solucionado o problema e cambiada a tubaxe, se lle abonen os gastos ocasionados na súa vivenda, e que por parte do concello se faga o seguimento das obras que se executan, para evitar que outros veciños teñan que padecer as consecuencias dunhas actuacións mal realizadas.

Nesta mesma obra executada pola empresa Construcciones Fechi, pero na parte baixa do camiño afectado, tamén se pode apreciar como o asfalto recentemente botado se está afundindo debido á non compactación do terreo, polo que en nada se terán que volver a facer obras para a reparación do mesmo. Tamén se canalizaron todas as augas cara a un só desaugue que remata na leira dun veciño en lugar de levalas ao regueiro que existe a poucos metros, o que fai que nestes días de choiva os campos estean todos encharcados, como se dunha piscina se tratase. Neste caso, o concelleiro de obras que ademais é veciño da parroquia, se comprometera a subministrar as tubaxes necesarias para dar saída a esta auga, sen que despois de varios meses tiveran máis noticias.

“Estes feitos veñen a ratificar as denuncias do PP gondomareño, que mira como nos derradeiros días se están executando por parte do concello obras a marchas forzadas e sen ningún control, só para que o alcalde Paco Ferreira poida xustificar o que non fixo durante estes catro anos de mandato. O problema de todas estas présas as pagamos despois todos os veciños, como pasou no caso desta veciña, xa que as complicacións aparecen varios días ou meses despois de finalizadas as obras”, conclúe Bouzós.

Anuncios