Omar Rodríguez proclámase subcampión de España Sub 23

Este sábado celebrouse en San Agustín de Guadalix (Madrid) o Campionato de España Sub 23 de Loitas Olímpicas, no que a selección galega obtivo un total de 5 ouros, 5 pratas e 2 bronces, proclamándose campioa de España en Loita Libre Olímpica e terceira clasificada en Loita Feminina.

Destacar as medallas de ouro de Lydia Pérez, do Club de Loita Pontevedra, Nerea Pampín do Club Keltoi de Vila de Cruces, Carlos Yobanni García e Ramón Mosteiro do Club de Loita Vilalba e Aron Ayude da Escola Ayude de Santiso. No apartado de clubs, destacar ao Club Loita Olímpica Vilalba, subcampión de España de Libre Olímpica.

En canto aos deportistas baioneses do Club de Loita Sabarís, que competiron en Loita Libre Olímpica Sénior, Omar Rodríguez proclamouse subcampión de España, coa medalla de prata en 74 kg. Anxo Uzal finalizou en cuarta posición en 61 kg e Diego Otero foi quinto en 70 kg.

Destacar o traballo dos Colexiados Galegos, que dirixiron como xefes de tapiz, 2 dos 4 tatamis de competición con Ángel Amor e Marcos Araujo á fronte dos mesmos. Tamén tiveron unha boa competición os colexiados Daniel Fernández e Jorge Garrido.