Alberto Meira estrearase co seu novo Citroën DS3 R5 no Rally do Bierzo

Alberto Meira presentou este venres no recinto feiral IFEVI de Vigo a que será a súa nova máquina para a presente tempada, no marco da décimo terceira edición da Galiexpo Motor Show, salón multidisciplinar dedicado ao automóbil e a motocicleta. O bicampión galego de rallies quere este ano facerse coa súa terceira coroa, polo que cambiou o seu popular Mitsubishi Lancer, para facerse cun vehículo da categoría R5, con características máis parellas respecto aos coches empregados polos seus rivais nestas últimas tempadas.

O Citroën DS3 R5 conta con tracción total, motor 1.600 turbo e unha potencia que rolda os 280 CV. Unha das súas principais vantaxes, respecto ao anterior coche de Meira, é unha maior lixeireza e eficacia na freada e paso por curva. A adaptación a este tipo de coche será crucial para a loita por un campionato cuxo primeiro envite será o Rali da Coruña, previsto para os próximos 1 e 2 de marzo. Antes, a fin de semana que vén, o piloto de Vincios participará coa súa nova montura no Rally do Bierzo.

“Queremos dar as grazas unha vez máis a todos os nosos patrocinadores pola confianza que depositaron en nós, xa que sen eles o noso proxecto non sería posible e agradecervos a todos os afeccionados as vosas mostras de apoio e agarimo”, sinalou Meira. O coche estará exposto no IFEVI durante toda a fin de semana.

Anuncios