Baiona pasará a LED 158 puntos de luz nas parroquias e outros 42 na zona do Rompeolas

Durante os últimos anos o Concello de Baiona vén acometendo medidas para o uso responsable dos recursos enerxéticos, incrementando a eficiencia das súas instalacións consumidoras de enerxía. As actuacións realizadas durante este tempo, e as actuacións futuras, implican aforros económicos e por extensión colaboran na mitigación do cambio climático a través da redución das emisións de CO2.

Por outra banda, todas as actuacións realizadas exemplifican ante a cidadanía os valores da boa xestión dos recursos municipais e da protección e conservación do medio ambiente que debe emanar das administracións públicas, contribuíndo á concienciación social para a sustentabilidade ambiental, cando ademais o territorio municipal de Baiona forma parte dunha comarca con eminentes valores naturais.

Unha das próximas actuacións planificadas é a renovación da iluminación pública de varias zonas do municipio, concretamente vanse a cambiar 158 puntos de luz nas zonas de Eidos-Baíña, Outeiro-Ribeira, Viso de Calvos-Sabarís, Percibilleira, Baredo-Torre, A Granxa-Camiño Campelo, e ademais renovaranse 42 puntos de luz na zona do Rompeolas.

O obxecto destas actuacións é conseguir o cumprimento do Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Iluminación Exterior, coa finalidade de mellorar a eficiencia e aforro enerxético, así como a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro; limitar o resplandor luminoso nocturno ou contaminación luminosa e reducir a luz intrusa ou molesta; mellorar os niveis lumínicos e a uniformidade existente actualmente; e obter unha clasificación enerxética “A” en todas as zonas despois das reformas propostas.

O consumo enerxético anual das instalacións que van ser obxecto destas actuacións é de 119.511 kWh/ano, unha vez feitas as reformas planificadas estímase que o consumo enerxético será de 38.217 kWh/ano, o que representa un aforro de 81.294 kWh/ano, é dicir un 68 % da enerxía consumida actualmente. En termos económicos supón un aforro anual de 11.381,08€, que sumados aos conseguidos desde que o concello comezou coa eficiencia enerxética, conseguiuse un aforro próximo aos 150.000€.

Anuncios