Persoal do Concello de Gondomar, formado en compostaxe polo Plan Revitaliza

O Concello de Gondomar ten xa persoal formado en compostaxe polo Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematou o “Curso básico de compostaxe e información ambiental” impartido durante o mes de xaneiro e os últimos días, cunha parte práctica e unha teórica.

Os formadores responsables foron o técnico Carlos Manuel Pintos Estévez e a técnica Estefanía Alfonsín Moraña, supervisores do Revitaliza na zona do Val Miñor. Eles explicaron o temario sobre os residuos e a súa lexislación, a definición da compostaxe (como se realiza o proceso, os materiais necesarios, os parámetros e as medicións necesarias), así como tamén as diferenzas entre a compostaxe individual e a comunitaria e a aplicación do compost.

Unha vez coñecida a teoría sobre a parte máis burocrática da compostaxe e a parte biolóxica e relacionada coa natureza,os asistentes ao curso realizaron as prácticas operativas para saber como se debe xestionar un centro de compostaxe comunitaria e coñeceron as claves para a resolución dos posibles contratempos ao facer o compost. Os participantes (Juan Ramón Alonso Martínez, Belarmino López Comesaña, José Luis Abraira Arias e Brais Misa García) recibiron hoxe os seus diplomas da man dos mestres e mestras composteiras que traballan habitualmente na zona.

A día de hoxe, no Concello de Gondomar están operativos dous centros de compostaxe comunitaria, o recentemente instalado no Parque das Ánimas, e outro nas inmediacións do supermercado Froiz, funcionando de forma moi satisfactoria. Neste último centro lévanse xestionado dende a súa posta en marcha máis de 31 toneladas de residuos orgánicos e restos vexetais, e producido 31 lotes de compost.

Así mesmo, o Concello acaba de recibir por parte da Deputación 88 composteiros individuais para casas con horta que serán repartidos proximamente entre a veciñanza. Tamén existen composteiros individuais específicos para produtores singulares nos centros educativos de Educación Infantil Souto Donas e no IES Terra de Turonio, no que hai unha implicación do alumnado moi importante.

Anuncios