O programa “Ribeiras de Salitre” visita o porto de Baiona

O equipo do programa “Ribeiras de Salitre” da Televisión de Galicia desprazouse esta tarde ata o porto de Baiona, para coñecer de preto o día a día desta localidade que conta con 250 membros na súa confraría entre os que hai mariñeiros, mariscadores pero tamén mergulladores e percebeiros. Navallas, percebes, ourizos de mar e ameixas son os produtos estrela na súa lonxa.

O director e presentador do programa, X. H. Rivadulla Corcón, charlou con Agustín Alonso e Fita Rodríguez, un matrimonio de mariñeiros que levan máis de 30 anos saíndo xuntos a pescar. Outros dos protagonistas foron Baldo Cedeira, que antes de rexentar unha peixaría foi mariñeiro, Chelo García, unha percebeira, e Tito Cedeira, un mariñeiro da localidade.

Ademais, o equipo de “Ribeiras de Salitre” saíu ao mar co mergullador Antonio Martínez, que se dedica á captura de navallas, que precisamente foi o marisco que puideron degustar en varias receitas que elaborou Fran García, un dos expertos en capturar navallas, e que as cociñou na lonxa para o programa.

E como é habitual, a música tamén foi unha das protagonistas co grupo Os Terribles de Donas, que interpretaron varias pezas de folclore na cuberta da carabela Pinta, que chegou en 1493 a Baiona coa noticia de que descubriran «o novo mundo» na súa travesía a través do océano.

O programa pode verse na seguinte ligazón.