A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís celebrou este sábado a súa Asemblea Xeral de Socios. Nela fíxose repaso do ano anterior ademais dun resume das áreas nas que leva traballando o colectivo dende fai 6 anos. A directiva mostrou aos seus socios a inquietude para este ano 2019 xa que, dende hai uns meses saben que van quedar sen local “xa que o Concello prevé facer vivendas sociais no mesmo, e o futuro Centro Social está por ver”.
O colectivo tamén rendeu contas, que un ano máis foron favorables. Como novidade de este ano, a xunta directiva presentou todo o patrimonio co que conta a Asociación, facendo así un inventario de contas, mobles e inmobles que foi aprobado polos socios. Por último modificaron os estatutos cun artigo no que calquera membro da Xunta Rectora non poderá seguir exercendo co seu cargo de directivo se ostenta un cargo público.

