Máis de 60 afeccionados á pesca recreativa reúnense en Baiona

O Club Náutico Bahía de Baiona, en colaboración co Concello, exerceu de anfitrión da asemblea da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable que se celebrou hoxe sábado 26 coincidindo co 20 aniversario de ambas as dúas asociacións. Asistiron a ela máis de 30 asociacións e clubs repartidos por toda Galicia representados por máis de 60 membros que defenden os intereses dos pescadores recreativos galegos. Tamén participou o concelleiro de Actividades Marítimas de Baiona, Raúl Costas Lafuente.

Moitos son os retos que se abren para os próximos anos e a necesidade dunha única voz que represente aos pescadores afeccionados á pesca recreativa faise indispensable. A Lei de Pesca de 1999 quedouse obsoleta e unha reconsideración a nivel europeo é o camiño que nestes momentos está a impoñerse, tanto a nivel profesional como afeccionado. O novo Real Decreto de pesca recreativa en augas exteriores é outro dos temas que se tratou na asemblea, así como a nova Lei de pesca marítima de recreo a nivel autonómico.

A Asemblea informou tamén sobre a presentación do Código de Boas Prácticas que se elaborou no Simposio Internacional celebrado en Vigo o pasado mes de setembro. En definitiva, todos estes temas tratados representan o futuro da pesca marítima recreativa cun claro fin de conservar as especies, respectar cada vez máis o medio ambiente, as tallas mínimas e todo aquilo que faga da actitude de hoxe o futuro do mañá. Os asistentes tiveron tempo este mesmo día para deleitarse co marabilloso museo flotante da Carabela Pinta.

Anuncios