Baiona celebra ao grande a reapertura do parque infantil da Palma

Os máis pequenos poden gozar desde este domingo do novo parque infantil da Palma, deseñado cunha gran sensibilidade coa contorna, tematizado e ambientado na propia historia de Baiona, co obxectivo de converterse nunha referencia no Val Miñor. Nun lugar estratéxico, aos pés da Muralla de Contestable, atopámonos un parque con temática medieval, onde os nenos e nenas poderán dar renda solta á súa imaxinación e gozar dunha contorna envexable.

A renovación total do parque supuxo un investimento de 163.971,04 €, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Trátase ademais dun parque integrador, para que os nenos e nenas con discapacidade poidan interactuar con total normalidade grazas a distintos elementos instalados no recinto como un carrusel mesmo apto para cadeiras de rodas, unha cama elástica para nenos e nenas con mobilidade reducida, panel á altura dunha cadeira de rodas para poder manipulalo co resto de pequenos, un vaivén inclusivo para cadeiras de rodas e un camiño de texturas para potenciar a estimulación sensorial.

Para celebrar a apertura do parque, este domingo a Concellería de Cultura organizou unha festa para os peques da casa, con diversos obradoiros de maquillaxe, globoflexia, chapas e clay, ademais dun fotomatón que conxelou o recordo dun gran día para os nenos e nenas de Baiona, que levaron a foto para casa. Tamén houbo animación circense, que ao ritmo da música interactuaron cos pequenos á vez que os obsequiaron con caramelos. Un conxunto de actividades que fixeron pasar unha xornada especial a todos os que se achegaron ata a Palma, que foron moitos.

O proxecto

O proxecto pretendía unha renovación integral da área de xogos existente, cunha ampliación da súa superficie de case 100 metros cadrados, para alcanzar un máximo de 560 metros cadrados de chan continuo. A actuación consistiu na retirada dos xogos existentes, a dotación para toda a superficie do parque dun novo pavimento acolchado, eliminando os dous espazos que ata agora estaban en terra.

Na parte central, e como núcleo principal ao redor do cal se estrutura todo o parque, colocouse un xogo consistente nunha montaxe prefabricada modular, tematizada medieval. A un dos lados deste sitúase unha liña de randeeiras, e alén dese xogo central, outra serie de elementos menores (balancíns, carruseis, tobogáns, etc).

Tamén se aproveitou a oportunidade para dotar ao parque de elementos accesibles a nenos con problemas de mobilidade ou deficiencias sensoriais, fomentando a non discriminación dos mesmos nos momentos de esparexemento, podendo gozar do mesma contorna que o resto dos nenos da súa idade. Ademais, instaláronse 6 papeleiras e 10 bancos.

20190120_124515