Gondomar solicitará a ampliación do período de exposición pública do proxecto de mellora da PO-331

Con data 04/01/2018 vense de publicar no DOG (Diario Oficial de Galicia) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06, por un período de trinta días hábiles.

Así mesmo e simultaneamente ao trámite sinalado tamén se someten a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra, para que si o estiman e consideran conveniente presenten cantas alegacións ou rectificacións en canto aos bens e dereitos descritos.

“Coa documentación analizada, exposta na Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, pódese observar que dito proxecto, de facerse tal como está redactado, suporá un verdadeiro quebranto aos veciños da parroquia de Vincios e usuarios da citada estrada, non estando nunca en contra de buscar unha solución que mellore a seguridade no treito acoutado na estrada PO-331”, sinala Manuel Gómez, concelleiro portavoz de Iniciativa por Gondomar.

As obras previstas comprenden a reordenación das principais interseccións, canalizando entradas e saídas, a supresión dos xiros á esquerda, a creación de novos puntos de cambio de sentido, con glorietas e carrís centrais de espera, a mellora da seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, a adaptación da sinalización horizontal e vertical e a mellora do balizamento e defensas do treito.

O Pleno de Gondomar celebrado este xoves aprobou por unanimidade unha moción presentada de urxencia por IXG para solicitar á Axencia Galega de Infraestruturas que se amplíe o prazo de exposición, “xa que a realización da obra presentada en proxecto é de vital importancia e calado social, que precisa dunha alternativa consensuada, onde se garantan todos os dereitos e obrigas dos veciños e usuarios. Como non debe ser doutro xeito, dita alternativa deberá de liderarse dende o concello”, advirte Manuel Gómez.

“Por todo elo, debido a transcendencia do proxecto exposto que vai incidir directamente na poboación da citada parroquia como nos usuarios da vía pública, cómpre que por parte deste concello se faga un estudio pormenorizado e consensuado cos veciños e institucións activas da mesma, co fin de achegar unha solución máis racional que redunde en beneficio de todos, e que o mesmo sexa presentado para ser tido en conta pola Axencia Galega de Infraestruturas”.

A moción aprobado polo Pleno acorda solicitar ante a Axencia Galega de Infraestruturas a ampliación de período de exposición pública do proxecto en dous meses máis; que por parte do concello de Gondomar e con axuda dos servizos técnicos se traballe nunha alternativa viable que redunde no beneficio de veciños e usuarios da citada estrada; e que por parte da alcaldía se establezan todo tipo de conversas, negociacións, etc., coa Axencia Galega de Infraestruturas, veciños, institucións parroquiais, etc., en procura de facer o devandito proxecto alternativo.

Anuncios