Alumnos dun colexio de Ordes plantan carballos no Monte Galiñeiro

Este venres, uns 60 nenos e nenas de 4 a 9 anos do CEIP ADR Castelao de Ordes percorreron 130 quilómetros para plantar carballos no Monte Galiñeiro, poñendo fin ao seu “Proxecto Landras: de Ordes a Vincios”, a través do cal colaboraron coa Comunidade de Montes de Vincios na repoboación dos montes queimados. As landras que plantaron fai xa máis dun anos deron o seu froito e os carballos que naceron delas xa están no seu destino.

O monte no que os transplantaron levará o nome de “O bosque dos nenos”, xa que nel, moitos nenos e nenas están a colaborar para volver convertelo nun monte como era antes dos incendios. Desde a Comunidade de Montes de Vincios destacan a enerxía e ganas que lle puxeron a pesar do frío, da choiva e de dúas horas de autobús de ida e outras dúas de volta.

Na iniciativa estivo implicada toda a comunidade educativa, o equipo directivo facilitou o material necesario (bandexas e terra), todo o profesorado participou nas súas aulas e ata o conserxe, que se encargou de regalas e coidalas nas vacacións de verán. Tamén resultou importante a colaboración das familias, cuxa resposta foi tal que en poucos días tiñan miles de landras na escola.

A Comunidade de Montes de Vincios agradece a todos os profesores do CEIP ADR Castelao de Ordes, en especial a Susana Couso, os técnicos de Fragaira Froitos Silvestres, aos comuneiros, a Gandería Os Bravos polos seus buracos, e a Rosquillas Cristaleiro de Gondomar pola doazón das rosquillas para os pequenos, que lles encantaron.

Anuncios