A Deputación abre o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes soliciten préstamos sen xuros

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Xunta de Goberno.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases de 2019 para a concesión de préstamos sen xuros, por concorrencia competitiva, para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, dende hoxe os concellos disporán de 20 días hábiles de prazo (ata o 11 de febreiro) para solicitar estes préstamos que contan cun crédito inicial dun millón de euros.

Os préstamos sen xuros da Deputación de Pontevedra trátanse dun instrumento máis de planificación de políticas públicas, que teñen por obxecto o fomento dunha utilidade pública, de interese social ou de promoción de uso público. O principal obxectivo desta iniciativa é facilitarlle aos concellos unha fonte de financiamento adicional co que poder afrontar, preferentemente, a execución de investimentos e, excepcionalmente, as operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.

Poden acollerse a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra os concellos da provincia que, amais de ter unha poboación inferior a 50.000 habitantes, dean cumprimento aos demais requisitos fixados nas bases: ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente, ou no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación; non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación; así como cumprir cos previstos legais no relativo á concertación de operacións de crédito. A través destes préstamos, o importe máximo que se pode conceder é do 90% do custe do investimento, sen que supere os 400.000 euros.

Ao igual que ocorre dende 2016, cando o actual goberno chegou á institución, estes préstamos concédense sen xuros, comisións nin gastos doutro tipo, algo que non acontecía anteriormente cando se fixaban intereses situados no entorno dun 2%. Neste eido, dende o ano 2016, a Deputación de Pontevedra ten investido máis de 4 millóns de euros neste programa que beneficiou a preto de 20 concellos da provincia entre os que se atopan Catoira, Fornelos de Montes, A Guarda, Oia, Nigrán, Ponte Caldelas, Arbo, Ponteareas, A Lama, Poio, Valga, Cuntis, Vilanova de Arousa, Salceda de Caselas, Silleda, Pazos de Borbén e A Cañiza.