Anuncios
Ticker de novas

Os socialistas de Baiona propoñen unha reestruturación do servizo de recollida de lixo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Novo camión de recollida de lixo de carga lateral de Baiona.

O Grupo Municipal Socialista de Baiona denuncia o descenso na calidade dos servizos públicos en Baiona. “É un feito innegable”, aseguran, “adquirindo unha maior importancia cando estes teñen influencia na calidade de vida e na saúde pública dos veciños.

Segundo o PSOE, a recollida do lixo é un claro exemplo, “onde a falta de persoal (no Concello de Baiona desde o ano 2004 ata a actualidade ten 59 traballadores menos) e certas decisións política fixeron diminuír a calidade do servizo prestado”. Para os socialistas, decisións como a compra de colectores de gran capacidade “nos que resulta moi complicado depositar o lixo dentro, sobre todo para persoas maiores ou con mobilidade reducida”, evidencian a falta de previsión e malgaste de recursos por parta da administración local e non cumpre coa Lei de Accesibilidade de Galicia (Lei 10/2004 aprobada polo goberno do PP).

Ademais, recordan que fixo falta a compra dun camión para estes colectores, “cun custe económico moi elevado”, sumado a outros gastos, como por exemplo a compra da “máquina para eliminar a goma de mascar”, que segundo os socialistas non cumpre o seu cometido, “diminúen os recursos para realizar un servizo digno”. “Tamén hai que ter en conta que nalgúns barrios das parroquias a penas se recolle o lixo dous días á semana, acumulándose os desperdicios e o cheiro. Xunto con isto hai que resaltar que a limpeza das rúas é claramente insuficiente”.

Ante estas carencias, o Partido Socialista de Baiona propón que o servizo de recollida de lixo sexa reestruturado. Que se proporcione una servizo específico para o caso histórico e na hostalería, buscar unha solución aos colectores actuais pensando nas persoas con dificultade para utilizalos, quitar os colectores do paseo (soterrándoos, cando sexa posible), que ningún barrio pase máis de 48 horas sen recollida e unha mellora considerable na limpeza dos colectores.

Anuncios