O Vigo-Rías Baixas inicia en Euskadi unha nova fase do seu calendario

FOTO: CICLISMO GONZÁLEZ // Lois Rodríguez.

Unha semana despois de medirse aos equipos profesionais no Campionato de España, o Vigo-Rías Baixas retoma o calendario Elite e Sub23 nunha das grandes clásicas da categoría. A Loinaz Proba celebra este domingo a súa 92ª edición e marca o inicio dos tres últimos meses de competición. Asentada na segunda posición do clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), a estrutura presidida por José Luis Chamorro estará liderada en terras guipuscoanas polo seu xefe de filas Samuel Blanco.

O redondelán está a exhibir a súa regularidade desde o arranque desta campaña. Quinto na clasificación individual da RFEC, o pasado domingo relacionouse coas grandes estrelas do ciclismo español no campionato estatal celebrado en Murcia.

Carlos Cobos e Julián Barrientos, os outros dous referentes do conxunto flúor, tamén serán da partida na Loinaz Proba. A aliñación dirixida por Iván Rodríguez complétana Lois Rodríguez, Gabriel Ochando, Santi Martínez e Jaime Guzmán.

O percorrido de 144 quilómetros, con saída e chegada na localidade de Beasain, exemplifica a esixencia habitual das carreiras en Euskadi. Os corredores terán que ascender seis portos puntuables, os catro últimos situados a partir do km 100.