Nigrán acolle o I Foro sobre os Dereitos das persoas con diversidade funcional

O Concello de Nigrán ofrece este venres 11 de xaneiro dende as 18:00 horas no Auditorio Municipal o “I Foro sobre os Dereitos das persoas con diversidade funcional”, xornada que se enmarca no programa “Un Nigrán para todos”. Deste xeito, expertos en todos os campos da integración e da accesibilidade analizarán polo miúdo, e entre outros aspectos, a aprobación polo Congreso e o Senado o pasado mes de decembro da modificación da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) que garantirá o dereito de sufraxio das persoas con discapacidade (na práctica supón que máis de 100.000 persoas en toda España con discapacidade recuperan seu dereito ao voto).

O foro está organizado polo Concello de Nigrán, ACEESCA, San Xerome Emiliani, Fundación Menela, OIRESP, Colexio Juan María e Fundación Tutelar Galega Sálvora. Nel participarán expertos en dereito, urbanismo, accesibilidade e persoas que poderán en maio de 2019 exercer por primeira vez na súa vida o dereito de sufraxio.

«Dende o Concello de Nigrán queremos divulgar esta modificación da Lei que permitirá a todas estas persoas participar na vida pública en pé de igualdade cos demais votando por primeira vez nas próximas eleccións municipais e europeas. Esta xornada é un paso máis cara ese “Nigrán para todos” que nos expoñemos como obxectivo de goberno dende que chegamos», explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Anuncios