Nigrán non poderá optar ás subvencións da Xunta de Galicia para os concellos mentres non presente a Conta Xeral do ano 2017 no Consello de Contas, polo que, cando menos, non poderá optar xa ás subvencións convocadas para o ano 2019 para a dotación de novidades editoriais en galego en formato libro (papel) e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas de titularidade municipal ou para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. No ano 2017 o Concello de Nigrán recibira 17.889,85 euros para a mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos, ou no ano 2018 para a dotación de novidades editoriais recibira 3.609,74 euros, cantidades ás que este ano non poderá optar.
“O procedemento para a aprobación definitiva das contas precisa, desde a convocatoria da Comisión de Contas, case dous meses para a súa aprobación inicial”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide”, para engadir que, “despois das subvencións perdidas o ano pasado por parte do goberno de Nigrán, este ano non vai poder optar a estas liñas de subvencións. Parece que a este goberno non lle preocupa moito a achega de cartos para a mellora de servizos para a veciñanza”.
Ademais das dúas liñas de subvencións citadas, o Concello de Nigrán non podería optar, se a convocatoria de subvencións por parte da Xunta de Galicia se realizase neste ano nas mesmas datas que no ano 2018, a outras liñas de subvencións como poderían ser as que convoca para o Centro de Información á Muller. “A política propagandística do goberno de Nigrán para ocultar as carencias da súa capacidade de xestión, está custándolle diñeiro a toda a veciñanza”, finaliza Cuevas.
Segundo UCN, pode supoñer a perda de máis de 500.000€
O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, tamén lamenta que o Concello de Nigrán sexa un dos incumpridores na presentación e rendición das contas do ano 2017 -a pesar das múltiples denuncias formuladas polo seu grupo-, como consecuencia da denuncia formulada polo Consello de Contas á Consellería de Presidencia da Administración autonómica, para que proceda a bloquear a concesión de subvencións polo grave incumprimento na rendición da Conta Xeral do exercicio 2017, “circunstancia que xa viñamos advertindo que podería suceder, pero que con todo, tanto o alcalde como a concelleira de Facenda parece que nada lles importou, pero lamentablemente os prexudicados serán os veciños de Nigrán, ao verse privado o Concello para percibir as subvencións (servizos sociais, fomento de emprego, turismo, emerxencia social e educadores, turismo etc.) por parte da Xunta, e que pode supoñer máis de 500.000€ perdidos para as arcas municipais”.
UCN denuncia que non só deixou de renderse a Conta Xeral e sen remitir ao Consello de Contas nin ao Ministerio de Facenda e Xunta, senón que a día de hoxe, nin tan sequera está aprobada a liquidación do orzamento do ano 2017, infrinxindo gravemente o disposto no Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que no seu art. 191.3 establece como data tope antes do día primeiro de marzo do exercicio seguinte, e que haberá de remitirse copia ao Ministerio de Facenda e Xunta de Galicia, antes do 31 de marzo -e que xa acumula case un ano de atraso- “pero á vista dos acontecementos, moito temémonos que ata marzo ou abril vai resultar imposible enviar ao Consello de Contas a rendición de contas, xa que previamente haberá de ser ditaminada pola comisión informativa de Facenda e sometela a exposición pública, para finalmente ser aprobada polo Pleno da Corporación, correndo o risco ademais, de que o Estado conxele as entregas a conta na Participación dos Tributos do Estado, o que supón máis de 260.000€ mensuais, o que demostra unha grave irresponsabilidade política do alcalde Juan González”.
UCN lembra que non só por imperativo legal hai que presentar as contas en prazo, senón tamén, para dar cumprimento e información ao cidadán, de acordo co disposto na Lei de Transparencia e Bo Goberno, “que lamentablemente este goberno parece ignorar convertendo a Nigrán nun campión do escurantismo e falta de transparencia na xestión económica, ou é que o alcalde ten medo a que lle fiscalicen as contas?”.
Fernández Comesaña, non entende como un Concello que dispón de Interventor e Tesoureira -funcionarios con Habitación Nacional-, sexa incapaz de cumprir en prazo coa rendición das súas contas, “polo que haberá de depurarse as responsabilidades e prexuízos que puidesen ocasionarse por posibles quebrantos económicos á Facenda Local na actuación de funcionarios e autoridades responsables, por culpa, dolo ou neglixencia graves nas súas actuacións, dado o alarmante pasotismo do goberno local”, conclúe o portavoz independente.

