Baiona presenta este venres o programa de “Primavera Lila”

Este venres día 6 de marzo ás 19:00 horas nos xardíns da Casa da Navegación farase a presentación da Primavera Lila, programación que xurdiu de varias reunións con mulleres de Baiona, representantes de asociacións tanto deportivas coma culturais, mulleres salientables do eido artístico, deportivo e docente. Trátase dunha segunda convocatoria programática, a primeira ocasión levou o nome de “Novembro Lila” e o foco púxose na concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión o obxectivo é poñer en valor o traballo das mulleres (maioritariamente de Baiona) nos diversos eidos mediante accións cun ton máis festivo, celebrando os pasos que se teñen dado até agora e empoderando a todas esas mulleres que foron silenciadas. Dentro da programación, que se estenderá durante toda a primavera, contarán con pandereteiras; murais colaborativos; contacontos e conferencias nos centros educativos; ampliación do punto de interese feminista; teatro, batukadas; recitais de poesía; arte e moito máis.

“O camiño cara a igualdade non se fai nun só día. Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona traballamos a diario e en colaboración con todos os axentes implicados para acadar unha Baiona máis xusta”, sinala a súa responsable, Yasmina Moreira.