Anuncios
Ticker de novas

Xunta, Fegamp e Deputacións renovan a colaboración para o mantemento dos GES

O Consello da Xunta aprobou hoxe o novo convenio de colaboración entre Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais para seguir mantendo e mellorando o funcionamento dos grupos de emerxencia supramunicipal (GES).

Este convenio substitúe o anterior, que estaba vixente desde 2013. Nesta ocasión, o acordo será de carácter trienal e suporá un investimento por parte do Goberno galego de 13,7 millóns de euros -cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader)- para o financiamento destes grupos de intervención, o que supón o 52,5% por cento do total do seu custo.

Así se acordou entre Xunta, Fegamp e deputacións provinciais durante as reunións que se mantiveron co fin de acadar o máximo consenso á hora de renovar o convenio para o mantemento destes grupos de intervención, que prestan un servizo fundamental na atención ás emerxencias.

A Xunta manifestou desde o primeiro momento o seu máximo compromiso cos GES, uns servizos competencia de concellos e deputacións segundo a Lei de emerxencias, pero que o Goberno galego considera esenciais, de aí que veña colaborando no seu financiamento desde a súa creación en 2013.

O novo convenio recolle, ademais do acordo en materia de financiamento, a delimitación de funcións destes grupos de intervención para que estean especializados en tarefas de prevención de emerxencias e de protección civil.

Entre as súas funcións, pode destacarse a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial da súa demarcación, en coordinación co distrito forestal ou co parque comarcal de bombeiros, en función do tipo de lume; prácticas preventivas nos terreos forestais, camiños e espazos públicos para previr incendios; actuacións de prevención de pragas, como a vespa velutina; ou intervencións en situacións de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Os GES tamén poden manter colaboracións con protección civil ante calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou o medio.

Ademais de colaborar no seu mantemento, cómpre recordar que a Xunta tamén inviste en equipamento e formación deste persoal. Así, por exemplo, a Xunta ten achegado nos últimos tres anos máis de 2,7 millóns de euros en material e medios de diversa tipoloxía para GES.

Esta aposta por seguir consolidando estes servizos inscríbese no compromiso da Xunta por seguir mellorando e completando o mapa das emerxencias de Galicia para reducir as zonas de sombra, co obxectivo de prestar unha atención máis áxil e eficaz á cidadanía. Para avanzar neste obxectivo, os orzamentos autonómicos consignan para 2019 un importante aumento no eido das emerxencias, cuxa partida se incrementa en case un 18% fronte ao ano pasado.

Anuncios