Detidos cinco mozos por roubos con forza e subtracción de ciclomotores en Nigrán

FOTO: GARDA CIVIL // Os obxectos recuperados.

A Garda Civil detivo a cinco mozos veciños de Vigo, como supostos autores dunha decena de delitos de roubo con forza e subtracción de vehículos, cometidos durante os tres últimos meses nos municipios de Vigo e Nigrán.

As investigacións levadas a cabo polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán por mor dos roubos que viñan producindo no termo municipal de Nigrán, concluíron coa identificación dos seus presuntos autores. Procedeuse á detención de cinco novos en idades comprendidas entre os 17 e os 23 anos, entre os que figura un menor de idade. Todos son veciños de Vigo e cun amplo historial delituoso.

As pescudas levadas a cabo pola Garda Civil, no marco da denominada operación “Roteas” determinan a presunta responsabilidade de todos eles na comisión de 10 delitos contra o patrimonio, a maior parte deles pola subtracción de ciclomotores, que levaron a cabo durante os tres últimos meses en Nigrán e Vigo.

A recuperación, por parte da Policía Local de Vigo, dun quad que fora subtraído en Nigrán e dun ciclomotor que localizaron os efectivos da Comisaría da Policía Nacional, culminou coas investigacións levadas a cabo polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona que permitiron a localización e recuperación dunha importante cantidade de obxectos subtraídos nun monte próximo a un asentamento situado nos arrabaldes de Vigo.

Por mor da recuperación destes efectos púidose esclarecer a presunta autoría de SETE delitos de roubo/furto de uso de vehículo a motor. Trátase en todos os casos de ciclomotores que foron subtraídos en Vigo (5) e en Nigrán (2). Un dos ciclomotores fora roubado no interior do depósito municipal de Nigrán.

Ademais, esclarecéronse outros TRES roubos con forza: un no interior dunha obra en Vigo e os outros dous en Nigrán, no anexo dunha vivenda e nun taller.

Entre os efectos recuperados atopábanse a práctica totalidade dos obxectos que foran roubados no anexo da vivenda de Nigrán, que foi un dos roubos esclarecidos de maior entidade. Localizáronse tamén varios ciclomotores despezados, bicicletas, ferramentas que se utilizan nos talleres mecánicos e complementos propios do vestiario dos motoristas.

Os cinco detidos quedaron en liberdade unha vez ultimadas as dilixencias no Posto da Garda Civil de Baiona e deberán comparecer, cando sexan citados, ante o Xulgado e Instrución de garda de Vigo.

Anuncios