Anuncios
Ticker de novas

Nigrán investirá 214.400 € na creación do seu primeiro parque forestal “Os Matos – Río Táboas”

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Andaina polo futuro parque forestal "Os Matos-Río Táboas".

O Concello de Nigrán investirá 214.400 € entre os anos 2019 e 2021 na creación do primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito). Esta é a contía económica que recolle o proxecto realizado pola consultora forestal Landra e que foi financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra (Convocatoria de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais BOP 29/12/17), no que o Concello obtivo una subvención de 3.528,00€ para a súa redacción.

Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas situarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo do Concello de Nigrán e das dúas Comunidades de Montes é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.

“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, queremos poñer en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, o parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos”, resume o alcalde, Juan González.

De cara a ter finalizado o parque en dous anos, o Concello de Nigrán expón a realización e financiamento do mesmo en dúas fases, dedicando o primeiro ano (xuño 2019-maio 2020) fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase (xuño 2020-maio 2021) á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petróglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro (especie que quedará erradicada) coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petróglifos; ou restauración do coñecido como “Muíño do medio de Táboas”; medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a primeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).

Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arborado representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos produtivos estarán tamén presentes para eliminar a produción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de produción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobres.

Anuncios