O gondomareño David Dealonso, segundo premio no Xuventude Crea

O gondomareño David Dealonso foi un dos gañadores da especialidade de música do programa Xuventude Crea, organizado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O mozo do Val Miñor conseguiu o segundo premio con temas “Somos” e “Curvas”, compartido con Leda Atómica de Cambados, que participou coas cancións ”Ouvea! (Como Virxinia Woolf)” e “Modernas muertas”.

A final da especialidade de música celebrouse o pasado 3 de novembro nun establecemento de hostalería en Betanzos, cos seis grupos e solistas que chegaron ao desenlace do certame: David Dealonso (Gondomar), Closer (Negreira), Leda atómica (Cambados), Oîma (Cabana de Bergantiños), Denis (Vigo) e La Grotta (Noia). A gala de entrega dos premios tivo lugar o pasado martes na Cidade da Cultura de Galicia.

Esta modalidade de música estivo aberta á participación de solistas e grupos de pop, folk, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Para a gala final os finalistas recibiron unha achega de 600 euros e no caso dos solistas de 300 euros. Os participantes, todos eles galegos ou residentes en Galicia e con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, competiron con proxectos orixinais ideados e interpretados por eles mesmos.

O Xuventude Crea conta con 13 disciplinas, que son: teatro, música, artes plásticas, cociña, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación, skate e graffiti. O primeiro clasificado de cada unha destas especialidades recibe 3000 euros, 1500 euros o segundo e 1000 euros o terceiro. Tamén poden darse mencións de honra, sen dotación económica. Na edición de 2018 do programa presentáronse un total de 257 proxectos individuais e en grupo, e participaron 357 mozos e mozas. Finalmente resultaron premiados 53 traballos, correspondentes a 93 mozos e mozas.

David Dealonso

David Dealonso é un proxecto que nace como resposta a unha necesidade creativa. As cancións enmarcan sentimentos, vivencias e idealizacións en primeira persoa. Cunha carreira artística forxada noutros proxectos colectivos anteriores decide nestes intres optar por facelo en solitario só coa ambición de desfrutar e facer desfrutar. O proxecto non repara nun tipo de música concreto pero focalízase nos concertos acústicos nos que combina cancións en galego, castelán e inglés.