O programa da Deputación “Tecendo Lazos” chega este luns a Baiona

O programa “Tecendo Lazos 2018” chega este luns 10 de decembro a Baiona co obxecto de fomentar un espazo de encontro entre distintas xeracións para que así poidan, ao tempo que aprenden dunha temática nova, intercambiar aprendizaxes, recursos e ideas. Este ano no programa da Deputación de Pontevedra participan 38 concellos da provincia. Máis polo miúdo, o obradoiro de “Patchwork” vaise desenvolver no Centro Multiusos Ángel Bedriñana da vila do Val Miñor e nel participarán 37 persoas da vila. Este obradoiro celebrarase o luns, mércores e venres ata o 19 de decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 € ao programa no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller coma este de Catoira poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40% de menores. A súa duración é de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: “Risas en familia”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” e “Faino ti”.

Todos os obradoiros inclúen o módulo “A historia do meu municipio”, a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto “Andando gaña o muíño, que parado está perdido”.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en “Tecendo Lazos” 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.

Anuncios