Máis de 150 enfermos reciben atención da Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor

O Parador de Turismo “Conde de Gondomar” de Baiona acolleu na noite de onte unha cea baile en beneficio da Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor, que preside Jose Luis Chamorro. Tras os aperitivos, un centenar de comensais gozaron da marabillosa cea, composta por ensalada tépeda de vieiras e lagostinos con vinagreta de piñóns, lombo de tenreira trinchado con puré de cabazas e ceboliñas caramelizadas e piña natural ao ron e xeado de vainilla, para logo dar paso ao sorteo de agasallos. A guinda da reunión púxoa o Dúo Pros&Ma, quen coa súa música animou a festa ata altas horas da madrugada.

Entre os asistentes estivo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os alcaldes de Baiona e Gondomar, Ángel Rodal e Paco Ferreira, e María José Crespo Amigo, presidenta da Xunta Provincial de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro, así como concelleiros e representantes doutros grupos políticos dos tres municipios da comarca e de Oia.

O 20% do recadado destinarase a investigación, mentres que o 80% restante servirá para desenvolver a obra social da entidade, en axuda aos enfermos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia, que na actualidade son máis de 150. Pagar medicamentos, mesmo poñerlle un soldo a xente que está en paro e non ten para chegar a final de mes, prestar camas especiais ou perrucas, ensinar a falar a persoas que tiveron algunha patoloxía de garganta, acompañar aos pacientes nos hospitais de noite ou apoio psicolóxico, son algunhas das accións que levan a cabo desde o colectivo.

Os interesados en colaborar coa Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor ou todo aquel que queira contactar coa entidade pode facelo chamando ao teléfono 649 555 282.

Anuncios