Adrián Valverde sentenciou a Copa Galicia Elite con dous triunfos

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde.

A falta de tres xornadas para a conclusión da Copa Galicia de Ciclocrós, Adrián Valverde ten o título Elite no peto. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas deixou o ránking da súa categoría visto para sentenza con dous triunfos durante a ponte. O xoves en Boiro e o sábado en Pontevedra, o representante da entidade presidida por José Luis Chamorro subiu ao máis alto do podio.

Valverde superou por 58 segundos a Jorge Punzón (Prebetong), o seu principal rival na xeral, na carreira decana do ciclocrós galego, que volveu ter como escenario o circuíto de Praia Xardín en Boiro. As catro primeiras posicións da proba reina masculina ocupáronas corredores en idade Sub23.

O dominio dos máis novos repetiuse en Pontevedra. Nesta ocasión foron tres os Sub23 que dobregaron a Valverde. O baionés tivo que apertar os dentes ata o final para facerse coa vitoria en Elite e conseguiuna con 8 segundos de vantaxe respecto a Saúl López (Maceda).

En total, Valverde suma doce éxitos na súa categoría no que vai de tempada e manexa 407 puntos de marxe sobre Punzón. Nas tres citas que restan para a conclusión da Copa Galicia, con 450 puntos en xogo, o miñorano buscará conservar a terceira praza no podio absoluto do certame autonómico.

Anuncios