Anuncios
Ticker de novas

Instan a Baiona a abonar as diferenzas retributivas aos traballadores do Plan Concellos

Tras unha denuncia do sindicato UXT do Concello de Baiona, na que relata as irregularidades no salario dos traballadores contratados a través do “Plan Concellos” da Deputación de Pontevedra, a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social pon de manifesto nun informe que segundo o convenio actual de Baiona, que aínda que segue prorrogado á espera dun novo continúa en vigor na actualidade, como así o confirman repetidas sentenzas do Tribunal Supremo, establécense os salarios do persoal contratado polo Concello nas súas diferentes modalidades (ben sexa funcionario ou persoal laboral).

O Concello de Baiona abona o salario mínimo interprofesional (SMI) bruto, non abonando os diferentes complementos que segundo a táboa retributiva ao posto desempeñado debería cobrar o traballador. Á súa vez queda tamén de manifesto que á hora de abonar o SMI, o Concello non actualiza a contía do mesmo ao ano 2018 e paga o salario mínimo interprofesional de 2017, resultando por tanto un agravio en negativo a eses mesmos traballadores. Conclúe a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, e insta ao Concello, requirindo que abone as diferenzas retributivas existentes a estes traballadores, amparándose no artigo 28 do convenio, onde debe garantir a igualdade retributiva dos traballadores do Concello. Ademais deixa de manifesto que en caso de incumprimento do requirido, a cuestión deberá resolverse ante a orde social de xurisdición española.

Desde a Agrupación Socialista de Baiona e o Grupo Municipal Socialista no Concello, deixan patente unha vez máis a nefasta xestión do goberno actual para os traballadores que contrata. O seu portavoz, Carlos Gómez, nunha sesión plenaria, puxo de manifesto estas diferenzas nas retribucións salariais, “faltando á verdade o alcalde de Baiona Sr. Rodal na súa resposta como queda agora reflectido no presente informe”.

O Grupo Municipal Socialista, así como a Agrupación Socialista de Baiona, instan ao Concello a que abone tales cantidades que deberon ser abonadas no seu día aos traballadores e cumpra co mandato da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, para que o Concello non se vexa abocado a perder unha nova sentenza en caso de ir á xurisdición social. Ademais, instan o grupo de goberno a que dunha vez por todas póñase a gobernar e aplique as normas que administran ás veciñas e veciños de Baiona na súa xestión conforme a dereito.

Anuncios