Anuncios
Ticker de novas

Paseo da Palma

Postal da Serie propiedade de “El Universo” baixo o título “Bayona – Paseo de La Palma”. Nesta postal de “El Universo” vemos en primeiro termo a casa coñecida como “Villa Lola” e anexo a ela o hotel “La Palma”. Estas construcións, hoxe desaparecidas, substituíronas por altas edificacións modernas que romperon coa antiga estética da zona.

Pola estrada puidemos apreciar dúas carruaxes das que facían o percorrido a Vigo. Estes vehículos tirados por tres mulas eran fundamentais para a comunicación con Vigo. Por Ulpiano Nogueira e José de Santiago sabemos que os prezos flutuaban entre 1.5 e 2.00 pesetas, existían carruaxes con diferentes formas e capacidades e podían facer os percorridos en menos tempo que o servizo regular e, loxicamente, a outro prezo. Os condutores destas últimas carruaxes non se detiñan en ningún punto do traxecto sen a previa petición do viaxeiro que custeaba a dita viaxe. Unha das dilixencias que ía a Baiona era coñecida como a “dilixencia de Borrasca”.

Coñecemos o horario dos coches regulares polos autores antes citados:

Saídas de de Baiona: Ás cinco da mañá, para chegar a Vigo ás oito. Coche correo ás onde da mañá, para chegar a Vigo ás dúas.

Regreso: Ás seis da mañá, para chegar a Baiona ás oito e media. Ás tres da tarde para chegar ás seis.

Serie Propiedade de “El Universo”

Esta é a segunda serie que coñecemos, propiedade de “Ultramarinos El Universo”. É unha serie da que descoñecemos o número de postais que a compoñen por non estaren numeradas.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios