Bouzós quere que o PP “gañe, goberne e traia a dignidade que Gondomar e a súa xente necesita”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación de Paula Bouzós Barros.

Nun Auditorio Lois Tobío cheo, Paula Bouzós Barros foi presentada oficialmente este sábado como candidata do Partido Popular de Gondomar ás próximas eleccións municipais de maio de 2019. Estivo arroupada polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, o presidente provincial, Alfonso Rueda, e o coordinador comarcal, Jesús Vázquez Almuiña, ademais de compañeiros e compañeiras de partido, afiliados, simpatizantes e veciños, aos que deu as grazas “por estar aquí apoiándome”. Especialmente, agradeceu á súa familia, “a gran sufridora da decisión que tomei”.

Bouzós comezou a súa intervención asegurando que “hoxe é un día moi especial para min, teño que dicir que estou moi contenta de que o Partido Popular elixiume como candidata”, sendo a primeira vez que unha muller enfrontarase ás urnas polos populares gondomareños. “Non teño medo, porque conto con todos vós que sei que me ides a apoiar, conto coa miña familia, cos meus amigos, cos meus veciños, que sempre me apoiaron e sempre confiaron en min. Porque conto co apoio dun partido gañador, que sabe o que é gobernar e que cando o fai, faio ben. Pero sobre todo, porque conto cun equipo de xente no Partido que sei que se van a deixar a pel para que o próximo 26 de maio o Partido Popular gañe, goberne e traia a dignidade que Gondomar e a súa xente necesita”.

A candidata popular lembrou tamén que se o Partido Popular quere gobernar en Gondomar, “ten que quitar maioría absoluta”, ou pola contra, “teremos outro tutti frutti como o que estamos a padecer agora mesmo, e iso non é bo para Gondomar”. “Todos os que amamos a esta terra, tennos que molestar que teñamos un goberno que só pense nos seus amigos e nunha pequena parte de Gondomar. Ao principio máis grande, cando Manifesto asentía coa cabeza as decisións do PSOE. Hoxe máis pequena se cabe, pois só se mira cara a unha cor… e non hai máis que mirar o mobiliario urbano para saber cal”.

“Agora mesmo temos un goberno de catro concelleiros, un goberno sen proxecto, que goberna por impulsos e por necesidades urxentes, que fai todo a última hora e sen programar, que non lle importan os veciños, só lles importa aparentar, un goberno cun alcalde que mente aos veciños, un goberno que desde o minuto uno incumpriu o pacto que fixo cos outros dous partidos, Manifesto e Cabe. Eles sabían que non se entendían, pero tiñan que facelo para que non gobernase o Partido Popular”, lamentou Bouzós.

“Agora temos que facer un partido forte, temos que devolver a ilusión perdida, o entendemento, a comprensión. Gondomar está parada e necesita botar a andar. Todos somos necesarios. Teño a convicción de que o próximo 26 de maio, Gondomar terá un goberno do Partido Popular. Pero para iso necesítovos a vós. Necesito o voso apoio, o voso ánimo. Necesito a vosa forza e a vosa enerxía. Necesito os vosos consellos e as vosas suxestións. Necesito que cando saiades de aquí digádeslle á xente, aos vosos amigos e familiares que o Partido Popular e que Paula Bouzós necesítaos”, concluíu a candidata.

Paula Bouzós Barros naceu en 1974 na parroquia de Vilaza, é técnico especialista administrativo e de contabilidade. Está vinculada ao PP desde fai máis de quince anos, e desde 2017 é a presidenta local do partido. En 2007 comezou a formar parte das candidaturas municipais, e entre 2011 e 2015 foi concelleira delegada de Educación, Turismo, Sanidade, Comercio e Industria de Gondomar. A nivel municipal, tamén colaborou activamente con clubs e asociacións locais, por exemplo a comisión de festas ou a Asociación de Veciños da súa parroquia.