Nigrán habilita wi-fi gratuíto en catro espazos públicos do municipio

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Punto Wi-Fi gratuíto na Praza do Concello de Nigrán.

O Concello de Nigrán vén de investir 14.582,34 € na instalación da primeira rede inalámbrica wi-fi gratuíta en catro espazos públicos do municipio xa operativos e convenientemente sinalizados. Os lugares seleccionados neste proxecto piloto do goberno nigranés son a Praza do Concello, o parque de A Ramallosa (na contorna do centro da terceira idade), o Pavillón Municipal de Deportes en Panxón e as súas inmediacións e a propia Biblioteca Municipal (o servizo será trasladado á nova cando se inaugure). Trátanse todos eles de lugares onde se concentran habitualmente moitas persoas que demandan datos para desenvolver a súa actividade de ocio ou de estudo e o obxectivo do goberno é ir ampliando localizacións.

«Concibimos o acceso a internet como un dereito máis das persoas. A finalidade é contribuír a reducir a fenda dixital que se produce en moitos fogares que non poden afrontar o custe do servizo. Queremos achegar o uso das novas tecnoloxías, forma parte do noso proxecto global “Un Nigrán para todos”, pero non hai que esquecer que beneficiará tamén aos visitantes», subliña o alcalde, Juan González.

Para acceder a ela, os usuarios deberán rexistrarse previamente a través de correo electrónico, facebook, google+, twitter, sempre con contrasinal. O máximo de conexións simultáneas será de 150, unha vez superada esa cifra as novas solicitudes quedarán en espera ata que estean dispoñibles novamente. Por este motivo, o tempo de navegación estará limitado a unha hora continuada, momento no que o sistema solicitará que o usuario volva a validar a sesión.

A prestación deste servizo wi-fi conta coas autorizacións pertinentes da Comisión do mercado de telecomunicacións e se acolle ás limitacións en canto a tráfico e velocidade dos datos fixados pola mesma dentro da lexislación vixente para Administracións Públicas. O servizo foi instalado pola empresa local 104 Cubes S.L, radicada en Porto do Molle.

Cómpre sinalar que o Wi-Fi de acceso gratuíto e libre comezou a súa andaina no 2005 en Tallín (Estonia), seguido de Helsinki, Londres, Barcelona… «É unha tendencia imparable, signo de modernidade, á que se irán sumando cada vez máis cidades e pobos, independentemente do seu tamaño», engade González.

Anuncios