Por que era necesario regular dentro da legalidade as concesións administrativas da Praza?

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Un dos postos da Praza de Abastos.

10 razóns e 4 aclaracións do ex concelleiro de Comercio, Xosé Antón Araúxo.

1.- Porque hai moitos anos que arrastran unha situación de precariedade, baleiros legais e irregularidades nas transmisións que era preciso solucionar con urxencia.

2.- Porque queremos que Gondomar sexa un concello transparente e que non estea nos medios de comunicación por ilegalidades, nin urbanísticas, nin nas concesións administrativas fraudulentas, onde se respecten os dereitos e as obrigas de todos os cidadáns.

3.- Porque cuns praceiros en posesión de concesións administrativas amparadas por lei, e a longo prazo, os concesionarios poden planificar con seguridade os seus postos, as campañas e os proxectos, etc.

4.- Porque a legalidade abre as portas ao acceso de subvencións públicas para a mellora dos servizos e das instalacións, das ofertas, etc. Cantos máis postos, e canto máis diversificada estea a oferta na praza, máis posibilidades temos de conseguir subvencións, sobre todo axudas europeas.

5.- Porque podemos facer concesións sustentadas na legalidade, e ao tempo primar na puntuación aos actuais praceiros nos procesos pola súa experiencia, pola antigüidade, etc., de xeito que teñan vantaxe na adxudicación. No proceso que paralizou ilegalmente o alcalde, se lles outorgaba aos praceiros a máxima puntuación permitida, segundo o criterio da secretaría municipal.

6.- Porque había un informe xurídico da Universidade de Coruña, que presentamos no Concello de Gondomar, no que se indicaba que non eran posibles os apaños, arbitrariedades ou caciqueos que se estaban a impulsar dende a Alcaldía.

7.- Porque un bo gobernante e xusto, ten que apoiar a todos os cidadáns nas súas iniciativas. Aos praceiros con antigüidade, e aos que querían achegar novas iniciativas. O Concelleiro Xosé Antonio Arauxo, estaba a 24 horas de conseguir que todo o mundo tivese en concesión o seu posto na praza da abastos. Os que xa estaban e os que se incorporaban.

8.- Porque os gobernantes están para resolver problemas non para crealos. Onde había unha solución, o alcalde creou un problema para praceiros, para o concello e para as finanzas municipais. Na sentencia o Xuíz non entende a razón pola que o alcalde saíu dun proceso de concorrencia xa iniciado, e a piques, de ser resolto satisfactoriamente.

9.- Porque segundo a Lei os mercados municipais, son bens de servizo público destinados directamente ao cumprimento de fins públicos a cargo das Autoridades Locais e, polo tanto, bens de dominio público (artigos 263 e 265 da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia, que reproducen o contido dos artigos 2 e 4 do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens de entidades locais). Nesta última regulación mencionada (artigo 79 e ss) se regula o uso de bens de dominio público.

Así mesmo, este proceso tiña que encaixarse no artigo 93.1 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas, que subliña que a concesión de concesións en activos de dominio público realizaranse por concorrencia.

10.- Porque en Gondomar temos un Regulamento da Praza de Abastos, publicado no BOP Pontevedra o 7.3.2013 que di:

-Art. 1: “A utilización por parte das e dos particulares das prazas de abastos, como bens de servizo público, só será posible baixo a forma de concesións administrativas. A adxudicación de postos de venda terá carácter de concesión administrativa e quen ten a titularidade non adquirirá a propiedade senón un dereito real de ocupación”.

Catro precisións aclaratorias contra de infundios

1. O que fixo o Sr. Ferreira foi unha autorización ou adxudicación directa non unha prorroga tal como afirma a sentencia Nº262/2018 da sala do contencioso/ administrativo N. 1 de VIGO. Así o di o maxistrado, así o di o regulamento da Praza de Gondomar, que explícita que se outorgarán novos títulos.

2. Se o Sr. Ferreira non paralizase arbitrariamente o concurso de licitación dos postos de venda na praza de abastos, todos os praceiros terían en propiedade a concesión por quince anos desde hai nove meses. O culpable de que isto non sexa así é o alcalde. A falsidade de que MM quere desafiuzar aos praceiros, decae polo peso dos feitos e das sentenzas. A solución é fácil, se continúa o proceso iniciado polo concelleiro Xose Antón Arauxo, tal como lle indicou o xuíz, nun só día terá resolto o problema que el mesmo creou e todos adxudicatarios terán estabilidade e seguridade xurídica durante 10 anos prorrogables ata 25. E os veciños de Gondomar teremos unha praza en regra.

3. Non é MM quen lle di que actuou fóra da lei, son os maxistrados en dúas sentenzas xudiciais.

4. O Regulamento da Praza de abastos foi publicado no BOP o 7 de marzo de 2013, na mentres que Antonio Araúxo foi alcalde entre os anos 2007-2009.

Xosé Antón Araúxo Rodríguez 
Concelleiro de MM, e ex concelleiro de Comercio