Ibuprofeno Teatro presenta en Gondomar a obra “Raclette”

O Concello de Gondomar continúa este sábado 24 de novembro coa programación de outono organizada pola Concellería de Cultura coa obra “Raclette” de Ibuprofeno Teatro, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014. A representación comezará ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío. A entrada terá un prezo de 3,50 euros e o despacho de billetes abrirá ás 19:00 horas.

A Raclette é unha maneira para comer en comunidade inventada polos pastores suízos que, para escorrentar o frío e a soidade da montaña, reuníanse ao redor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras.

Esta Raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para acabar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

As cinco personaxes conforman un complexo mosaico humano: un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles, pero que teñen que convivir a pesar das diferenzas. Son cinco persoas que están a pasar por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que deixarán pegadas profundas para o resto da súa existencia. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora aos seus integrantes.